Fdez Prado ou está cego ou leva lentes de raios X para dicir que a vista do Parrote será igual
A Coruña, 17 de xuño de 2014- En relación ás declaracións do concelleiro de Urbanismo nas que di que as vistas á bahía coruñesa e ao castelo de Santo Antón son las mismas que cando non se comezara coas instalacións, o Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o Sr. Fernández Prado ou está cego ou leva lentes de raios X que o ven todo cando pasea polo Parrote, tal e como evidencias as fotografías tomadas esta mesma mañá polo Bloque das obras. Calquera persoa pode comprobar in situ o impacto visual que ten sobre o castelo o edificio con usos comerciais e mais a estrutura metálica que sobresae sobre o teito desa edificación.
O Grupo Muncipal do BNG xa denunciara o impacto visual nas súas alegacións presentadas ao Estudo de Detalle o 31 de outubro de 2011. O PP botou abaixo as alegacións e o voto particular das nacionalistas no pleno de 15 de decembro de 2011 negando tal impacto e escudándose literalmente da non incidencia da ordenación proposta nos elementos sinalados. Aprobaba así o PP o Estudo de Detalle que impactaba e rachaba coa harmonía da perspectiva visual do conxunto do Parrote, mesmo impedindo as vistas ao castelo de Santo Antón.
O BNG xa advertira do impacto visual nas súas alegacións
A alegación número tres do BNG advertía literalmente que o volume da edificación da área A infrinxe a norma de aplicación directa do art. 104 da LOUG, dado o seu impacto e que racha coa harmonía da perspectiva visual do conxunto do Parrote.
O estabelecemento dunha liña de protección visual do castelo de Santo Antón non vai acompañada doutras perspectivas en relación á protección visual do conxunto das edificacións do paseo do Parrote e desde este mesmo paseo cara ao castelo de Santo Antón e o propio paseo marítimo. Ou é que o volume edificatorio proxectado na área A non dificulta ou elimina o campo visual das galerías do paseo do Parrote desde o paseo marítimo? Ou non é que dito volume limita e desharmoniza a visión da perspectiva do litoral portuario desde o paseo do Parrote? Dito o anterior con independencia do impacto que esta edificación ten sobre o entorno inmediato do baluarte, cuxa protección e posta en valor é contraditoria coa previsión de tal volume edificatorio.
O Grupo Municipal do BNG lembra que tanto o mamotreto do edificio de usos comerciais como a estrutura metálica forman parte do proxecto do Parrote cuxa licenza lle foi outorgada polo Sr. Negreira en Xunta de Goberno Local o 28 de setembro de 2012 a Copasa. Precisamente, o BNG formulou alegacións ao proxecto do Parrote e chegou a recorrer en vía administrativa a licenza de obras por, entre outras razóns, o volume sobre a rasante do paseo do Parrote e o seu enorme impacto visual sobre o Castelo de Santo Antón e sobre a zona portuaria.