Por máis que Negreira o xustifique, non se entende o dispendio de 60 millóns na Mariña

Por máis que Negreira o xustifique, non se entende o dispendio de 60 millóns na Mariña

A Coruña, 6 de xuño de 2014- O Grupo Municipal do BNG ve lamentábeis as xustificacións emitidas hoxe polo alcalde tratando de aducir como o Partido Popular gasta máis de 60 millóns de euros públicos nunha obra faraónica e innecesaria como é a da Mariña. A xuízo do BNG, non hai argumentación posíbel dese dispendio agás o capricho do Goberno do Sr. Negreira, que consumará este gasto escandaloso en detrimento das necesidades sociais das persoas e das necesidades sociais dos barrios. E é que mentres o Sr. Negreira destina máis de 60 millóns a esta obra, ten os barrios da cidade no abandono.

O Bloque insiste en denunciar a dilapidación de recursos públicos municipais en terreos que na súa maior parte son propiedade da Autoridade Portuaria. Precisamente, é a Autoridade Portuaria a gran beneficiada destas obras, xa que por conta da cidadanía vai facer negocios urbanísticos coa venda dos peiraos unha vez desafectados e unha vez liberada a superficie do viario soterrado. Ademais, o BNG lembra que hai intervencións destas obras que vulneran o procedemento urbanístico de aplicación ao careceren de abeiro normativo.

 

Por máis que Negreira o xustifique, non se entende o dispendio de 60 millóns na Mariña