"A ALCALDESA VENDEU A MORATORIA COMO UN GRAN LOGRO. HOXE SABEMOS QUE ESE GRANDE LOGRO É FUME"
Estado, Xunta e Autoridade Portuaria asumen con naturalidade pagar unha débeda que si lle foi condonada a Valéncia
Para a formación nacionalista, o futuro do porto da Coruña –e o deseño da nova fachada marítima da cidade- pasa inescusabelmente pola condonación dunha débeda que ten como orixe a realización dunha obra decidida polo Goberno central.
“Non imos tolerar que se nos discrimine negativamente a respecto do trato que se ten dado ao porto de Valéncia. Imos continuar a defender en todos os foros parlamentares a condonación da débeda ou unha solución análoga, isto é, que o Estado invista na transformación urbanística dos peiraos unha cantidade equivalente ao débito contraído pola Autoridade Portuaria”, avanza Francisco Jorquera, quen bota de menos “que desde o Goberno Local se coloque esta cuestión con claridade sobre a mesa”.
Para o BNG, non é de recibo que se nos pretenda vender como un éxito de negociación unha reestruturación da débeda que só vai significar a redución dos pagamentos durante os próximos 14 anos, cando o crédito non se amortizaría totalmente até 2051.
“A alcaldesa anunciou a moratoria do pagamento da débeda como un grande logro, mais hoxe sabemos que ese grande logro é fume”, remarca Jorquera. “A famosa moratoria nin sequera consiste nunha revisión do período de amortización, simplemente consiste nunha suavización dos pagamentos durante os próximos 14 anos. A realidade é que a suma de amortizacións e xuros está a asfixiar o porto da Coruña e está a pór en risco a súa viabilidade”, engade.
“Estamos ante unha cuestión de vontade política. Se o Estado condonou a débeda de Valéncia foi por iso, por vontade política, a mesma que lle falta á Xunta e ao Concello para facer presión ante o Estado con vistas a que non se nos discrimine”, valora Jorquera.
Canto á proposta da Xunta de se facer co control de Batería e Calvo Sotelo, reiterada estes días polo presidente da Autoridade Portuaria, o grupo municipal nacionalista reafirma o seu rexeitamento. Non ten sentido pagar con diñeiro público terreos que na orixe pertencían á cidade e que, unha vez liberados dos seus usos portuarios, teñen que ser devoltos de forma gratuíta.