ROGO DE JORQUERA PARA O PLENO DO 8X

O Goberno Local debe mediar ante Patrimonio para reparar a fachada da rúa Petunias

foto la opinión
Foto: La Opinión
O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, rexistrou un rogo para a súa inclusión no Pleno do próximo xoves 8X por medio do cal insta o Goberno Local a que medie ante a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta con vistas a que a Comunidade de Propietarios da torre da Rúa Petunias 1C poda realizar tarefas de reparación da fachada do edificio, nun estado de deterioración que provoca humidades e desprendemento de cascallos.
O Goberno Local debe mediar ante Patrimonio para reparar a fachada da rúa Petunias

As tarefas de rehabilitación son perfectamente compatíbeis, enfatiza Jorquera, coa protección do patrimonio arquitectónico do edificio, un formigón visto que ten sido galardoado co Premio Nacional de Arquitectura.

“A necesaria protección e posta en valor do patrimonio arquitectónico debe ser sempre compatíbel co seu adecuado estado de conservación, para o cal son imprescindíbeis actuacións dirixidas ao seu mantemento e rehabilitación”, aduce o voceiro nacionalista.

Canto á posición da Xunta –que acaba de instar as e os veciños a que formulen eles un proxecto alternativo para a reparación do edificio-, o BNG considera que o Goberno galego ten que ter outra actitude. “Os elementos de valor arquitectónico teñen que ficar protexidos, obviamente. Mais a Xunta ten que ter unha actitude máis proactiva. Ten toda a lóxica que poña ao servizo da veciñanza os seus recursos técnicos e de asesoría para as obras de restauración se levaren adiante con todas as garantías de protección do patrimonio, mais tamén de preservación da calidade de vida das e dos moradores do edificio”, considera Jorquera, quen alerta que a caída de cascallos tamén pon en risco as persoas viandantes.

 

O Goberno Local debe mediar ante Patrimonio para reparar a fachada da rúa Petunias