ORZAMENTOS MUNICIPAIS 2017

Dous millóns para emprego, inclusión, cultura, educación, barrios... e non en externalizacións ou publicidade

David Pena e Avia Veira nun momento da rolda de prensa
David Pena e Avia Veira nun momento da rolda de prensa

Emendamos os orzamentos municipais para 2017 para eliminar máis de 2 millóns de euros en gastos superficiais e investilos, entre outras cousas, nun Plan de Inclusión Social por valor de 500.000 euros, a eliminación do copagamento no Servizo de Axuda a Domicilio e a posta en marcha dun Plan de Industrialización para A Coruña con 250.000 euros

Conseguimos rebaixar máis de 2 millóns de euros en gastos superficiais: a partida destinada a retratos dos alcaldes, partidas en externalizacións ou partidas en publicidade e propaganda

Desde o Bloque entendemos que hai que priorizar o investimento nos barrios, cos que segue existindo unha débeda, para o cal achegamos máis de 145 propostas recollidas nas sucesivas Asembleas Abertas e encontros, mais tendo moi presente que existen outras tantas propostas da veciñanza que demandan que o Goberno municipal xestione mellor diariamente

Continuamos coa mesma liña do ano pasado, de sermos construtivas e achegarmos propostas concretas ao orzamento malia que tememos que ninguén aprendeu do acontecido no pleno de abril: nin o Goberno, que non nos fixo chegar o orzamento até finais de novembro e incompleto, nin os outros grupos da oposición cos que parece que non vai a cousa

Dous millóns para emprego, inclusión, cultura, educación, barrios... e non en externalizacións ou publicidade

Tal e como anunciamos na Comisión de Facenda do pasado venres, presentamos esta mañá en rolda de prensa as nosas emendas (preme aquí para velas) aos orzamentos do 2017 na que interviñeron tanto a nosa concelleira Avia Veira como o responsábel local, David Pena.

Continuamos coa mesma liña do ano pasado, de sermos construtivas e achegarmos propostas concretas ao orzamento malia que nos tememos que ninguén aprendeu do acontecido no pleno de abril: nin o Goberno, que non nos fixo chegar o orzamento até finais de novembro e incompleto, nin os outros grupos da oposición cos que parece que non vai a cousa. Demandamos que se poñan por diante os intereses da cidade e do pobo non os intereses partidistas duns e doutros. Nós non imos facer o mesmo que fixeron outros en Pontevedra. Non se nos vai ver a nós en ningún batiburrillo de partidos senón defendendo políticas concretas que garantan que o cambio na cidade sexa real.

20161226_orzamentos1

Conseguimos rebaixar máis de 2 millóns de euros en gastos superficiais, entre outras, eliminaron a partida destinada a retratos dos alcaldes, rebaixaron nun 50% partidas en externalizacións e minoraron nun 65% as partidas en publicidade e propaganda.

E salientamos que coa nosa emenda esas rebaixas servirían para garantir o “cambio prometido” nas políticas sociais. Nese sentido, desde a formación nacionalista propoñen destinar 500.000 euros para un Plan de Inclusión Social, aumentar nun 31% na partida de reparacións en CEIP, e artellar un sistema de axudas para eliminar o copagamento no Servizo de Axuda a Domicilio por valor de máis de medio millón de euros.

Tanto David como Avia fixeron fincapé, durante a rolda de prensa, a súa preocupación polas cifras de desempregadas e desempregados e pola precariedade do emprego que se crea na cidade e salientaron que o Goberno local non se pode poñer de lado diante desta problemática polo que non abondan as declaracións de intencións e desde logo non é admisíbel refuxiarse nunha suposta falta de competencias no tema.

20161226_orzamentos2

Así, no que ten a ver co comercio local, propoñemos recuperar con 150.000 euros a organización dun “outlet” para o pequeno e mediano comercio e implementar un Banco de Baixos Comerciais a través dun investimento de 200.000 euros.

Asemade, no eido do emprego, queremos que se destinen 250.000 euros para o impulso dun Plan de Industrialización na cidade e na comarca. Nese sentido, Avia lembrou que a cidade vai camiño de converterse nun deserto industrial e a necesidade de diversificar a economía local para que avance máis aló do sector terciario.

Por outra banda, en política cultural, apostamos pola posta en marcha de bonos culturais para a mocidade, por valor de 80.000 euros, co que se procura facilitarlle ás mozas e aos mozos o acceso á cultura como parte da necesaria implementación de políticas de ocio alternativas alén do Nocturnia; e outra partida de 120.000 euros en bonos culturais para persoas en risco ou exclusión social para posibilitar o acceso a produtos ou eventos culturais por parte destas persoas. E tamén queremos recuperar unha partida de 20.000 para a organización da Feira do Libro.

Por último, propoñemos empregar 70.000 euros nun programa de fomento do galego nas escolas infantís municipais, en cumprimento coa moción aprobada en novembro deste ano sobre os compromisos acadados desde Alcaldía a respecto do cumprimento do decálogo de medidas urxentes para a aplicación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega no Concello da Coruña e sobre todo tendo en conta os últimos datos que revelan unhas cifras preocupantes de uso do galego nas cidades sobre todo por parte da mocidade e das crianzas.

Amais, seguimos entendendo que hai que priorizar o investimento nos barrios, cos que segue existindo unha débeda, para o cal achegan máis de 145 propostas recollidas nas sucesivas Asembleas Abertas e encontros nos barrios realizadas no último mes e medio mais temos moi presente que existen outras tantas propostas coas que a veciñanza reclama unha mellor e máis áxil xestión diaria por parte do Goberno municipal.

 

A Coruña, 26 de decembro de 2016

Dous millóns para emprego, inclusión, cultura, educación, barrios... e non en externalizacións ou publicidade