ESPOLIO DA CIDADE
Esiximos a devolución gratuíta dos terreos da Solana e do Hotel Finisterre
Doutra volta constátase que o Goberno do Estado dá prioridade á especulación económica diante do ben xeral do pobo da Coruña: que se insista en poñer á venda os terreos da Solana e do Hotel Finisterre confirma o afán especulatorio e a súa actuación como inmobiliaria a respecto dos terreos dos que hoxe en día é titular”
Consideramos inaceptábel que tanto Portos do Estado, como Facenda e a Avogacía do Estado avalen a especulación económica de terreos que son propiedade da veciñanza da Coruña para pagar a débeda da Autoridade Portuaria
Por desgraza temos que volver denunciar o afán especulativo do Goberno do Estado, a respecto dos terreos dos que hoxe en día é titular na nosa cidade, ao darse a coñecer os informes emitidos por Portos do Estado, Facenda e a Avogacía do Estado, e que con toda probabilidade darán lugar a que os terreos da Solana e do Hotel Finisterre sexan sacados a poxa definitivamente.
Doutra volta constátase que o Goberno do Estado dá prioridade á especulación económica diante do ben xeral do pobo da Coruña: que se insista en poñer á venda os terreos da Solana e do Hotel Finisterre confirma o afán especulatorio e a súa actuación como inmobiliaria a respecto dos terreos dos que hoxe en día é titular.
Consideramos pois, logo das informacións que aparecen estes días en distintos medios, nas que se sinala que obxectivo da venda destes terreos é obter liquidez polo endebedamento de máis de 300 millóns de euros da Autoridade Portuaria a conta da construción do Porto Exterior, que a administración do Estado só entende de negocio cando se fala da nosa cidade e volvemos cualificar de vergoñenta e inadmisíbel a posta á venda destes terreos.
Neste sentido, queremos insistir en que o lóxico sería que a Autoridade Portuaria lle cedese gratuitamente os terreos da Solana e do Hotel Finisterre ao Concello da Coruña, sobre todo tendo en conta que chegou mesmo a hipotecarse, durante o mandato do PP, para pagar os máis de 12 millóns de euros que lle custaron ao conxunto das coruñesas e dos coruñeses as obras da Mariña e do Parrote, en terreos de propiedade da propia Autoridade Portuaria.
Xa temos denunciado máis dunha vez que existe por parte do Estado unha operación de posta en venta por anacos do patrimonio público da cidade.
E por tanto que esixímoslle ao Goberno municipal que teña unha actitude contundente e reprobatoria contra a Autoridade Portuaria: xunto aos terreos da Solana e o Hotel Finisterre, a Maestranza, os peiraos interiores etc, todos eles terreos que son propiedade do pobo da Coruña, cos que se pretende facer caixa para pagar o desastre da construción do porto de Punta Langosteira.
Preguntámonos canto tempo máis imos seguir permitindo que o noso patrimonio siga sendo obxecto de especulación por parte da Administración do Estado.
A Coruña, 20 de decembro de 2016
Artigos relacionados:
- Veira: "O lóxico sería que a Autoridade Portuaria cedese de balde os terreos da Solana"
- Veira: "O Goberno ocultou información ou está improvisando a respecto da Solana-Finisterre"
- Estase realizando un "cambio de cromos" a conta da venda da Solana-Finisterre?
- O Parque Ofimático, os peiraos interiores e os terreos do Finisterre-Solana a Pleno o día 11
- Veira: "Se é o Concello compra os peiraos interiores estará financiando por atrás o Porto Exterior"
- Avia Veira: "É vergoñenta e inadmisíbel a posta á venda do Hotel Finisterre e a Solana"
- Solana-O Parrote: outro cambiazo do PEPRI imposto a última hora polo PP
- O BNG pídelle ao Goberno local e á Autoridade Portuaria que non enganen o pobo no caso da Solana
- Solana e hotel Finisterre: o BNG advirte dunha grande operación de venda destes terreos