As directrices que confirman que non hai vontade de reformar o ROPC
Logo de ter acceso ás Directrices para o desenvolvemento do proceso de orzamentos participativos que a Marea Atlántica ten pensado acordar mañá na Xunta de Goberno Local, preguntámonos de que serviu reunirse previamente á investidura do Sr. Ferreiro no que este se comprometeu a levar a cabo determinadas accións e de que serviu asinar un acordo político de organización o 20 de xullo do ano pasado no que todos os grupos municipais quedamos en reformar o ROPC se total ao final o Goberno local decidiuse a aplicalo directamente.
Avia Veira: De que serviu reunirse previamente á investidura do Sr. Ferreiro e asinar un acordo político de organización no que todos os grupos políticos quedamos en reformar o ROPC se total ao final o Goberno local decidiuse a aplicalo directamente?
E é que entendemos, polo que sinala o informe da Asesoría Xurídica do Concello, que o Goberno local está aplicando directamente o Regulamento Orgánico de Participación Cidadá sen modificación ningunha e tal e como o aprobara no seu momento o Goberno do Sr. Vázquez.
Sinalamos ademais que levamos meses exixindo que se convoque a Comisión de Reforma do Regulamento Orgánico de Participación Cidadá creada precisamente ao abeiro dese acordo político de organización asinado o pasado 20 de xullo mais que só se xuntou nunha ocasión: para a súa constitución.
Para nós, non serve a excusa do tempo, levamos meses exixindo que se convoque a Comisión de Reforma do Regulamento de Participación Cidadá e entendemos que este proceso e as súas características específicas deben de desenvolverse ao abeiro dun Regulamento de Participación Cidadá distinto e reformado
"Non houbo vontade en ningún momento de reformar o Regulamento semella que ou á Marea Atlántica válelle así tal cal está aprobado ou ben non ten ganas de sentarse a falar e a negociar un novo marco regulador da participación veciñal que verdadeiramente conte con organismos plurais e democraticamente elixidos, tanto sectoriais como veciñais, con competencias e atribucións claras e que articulen mecanismos para que toda a veciñanza poida participar na toma de decisións", salienta a nosa concelleira Avia Veira.
Hoxe é o primeiro día no que temos diante unha proposta sobre os orzamentos participativos e é unha proposta que se leva pechada mañá á Xunta de Goberno Local, decidida unica e exclusivamente polo Goberno municipal sen ter en conta a ninguén máis, nin sequera aos grupos que apoiamos a súa investidura.
Criticamos a inconcreción das directrices para o desenvolvemento dos orzamentos participativos que mañá se aprobarán en Xunta de Goberno Local
As directrices criticámolas por só permitir a presentación de propostas para os orzamentos participativos por internet mais tamén pola súa inconcreción xa que non estabelece o nivel de vinculación das propostas, quen decide se son finalmente incorporadas aos orzamentos ou que nivel de votos se precisarían para que unha proposta prosperase.
A nosa concelleira Avia Veira na rolda de prensa de valoración do 1.º ano de mandao municipalPara nós, tal como indicabamos no noso programa, e tal e como acordabamos coa Marea Atlántica como punto diferenciado no proceso de negociación, e un dos motivos que deu lugar a que votáramos na investidura a favor do actual alcalde e polo cambio de políticas na cidade, era a Reforma do ROPC e a participación veciñal na elaboración do orzamento municipal como modelo de xestión pública onde a cidadanía participara de maneira directa e voluntaria na asignación dos recursos económicos municipais e na transparencia no destino do gasto público. Agora preguntámonos de que serviu todo isto se realmente o Goberno local non está disposto a dialogar e si a aplicar directamente o Regulamento aprobado por Paco Vázquez. conclúe a nosa portavoz Avia Veira.
A Coruña, 26 de maio de 2016