Valoración do primeiro ano de mandato municipal
En primeiro lugar cómpre sinalar que realizamos a nosa valoración sobre este primeiro ano de mandato de xeito colectivo nunha asemblea aberta que tivo lugar este luns día 23. O video da mesma está colgado en laduda.net e podes acceder a ela premendo aquí. Agradecemos publicamente a estas compañeiras e compañeiros por facer a gravación e colgala na súa páxina.
Para nós, este goberno municipal durante este primeiro ano non cumpriu coas expectativas de cambio que semellaba que ía traer. Non se tomaron decisións importantes nin valentes para transformar a cidade nin a xente percibiu ningunha mellora na súa vida diaria e polo tanto faltou valentía e acción.
Así, desde o noso punto de vista, non se afrontaron nin se sabe como se ten planificado afrontar, cuestións importantes para a cidade e para as coruñesas e os coruñeses: no que ten a ver coa xestión diaria de contestacións de escritos, de autorizacións de utilización do espazo público, no que ten a ver coa mobilidade carril bus, carril bici, reordenación das liñas de buses, no que ten a ver co medio ambiente como a xestión de Nostián e dos RSU, no que ten a ver cos servizos sociais que seguen centralizados tal e como os deixou o anterior goberno ou no que ten a ver cos servizos públicos que non só non se remunicipalizaron, senón que naqueles que continúan externalizados houbo implicación desde o Goberno local para afrontar diversos problemas laborais ou mesmo co planeamento urbanístico da cidade sobre o cal non hai ningunha decisión tomada.
Por útlimo, entendemos que ten que haber unha mudanza na actitude do Goberno municipal que ten que abandonar o vitimismo e pasar xa á toma de decisións porque moitas non dependen dos orzamentos nin do Pleno e que simplemente hai que levalas adiante.
É por iso, que esta mañá realizamos unha rolda de prensa onde pormenorizadamente dimos conta das nosas valoración e na que incluímos todas aquelas achegas que na Asemblea Aberta se nos indicaron. Se a queres ver completa, deixamos aquí o enlace para que podas vela.