IMCE

Destapamos os máis de 1.260.000 € de gastos con reparos de legalidade do IMCE

Avia Veira dando conta dos gastos con reparos de legalidade durante un momento da rolda de prensa
Avia Veira dando conta dos gastos con reparos de legalidade durante un momento da rolda de prensa

Denunciamos gastos de máis de 1.260.000 euros con reparos de intervención no Instituto Municipal Coruña Espectáculos desde comezo de mandato

Tivemos acceso a 215 gastos que presentan algún reparo de legalidade, no maior dos casos “gastos de necesidades permanentes e continuadas que requiren a formalización dun contrato” segundo a propia intervención

Segundo a propia liquidación do IMCE, os gastos con reparos realizados só en 2016, xa con contratos e servizos comprometidos polo Goberno municipal actual, ascenderon ao 15 % sobre os pagos realizados, o que supuxo máis de 785.000 euros

Destapamos os máis de 1.260.000 € de gastos con reparos de legalidade do IMCE

Presentamos esta mañá, en rolda de prensa, un informe sobre os reparos de intervención a gastos efectuados no Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) desde o comezo de mandato.

Deste xeito, e segundo a propia intervención, desde xuño de 2015 os gastos que tiveron algún reparo ascenden até o 1.263.774,05 euros nun total acumulado en 215 gastos diferenciados e asumidos polo IMCE.

Así, poñemos de manifesto que mesmo 86 destes gastos, e dicir, o 40%, tiveron ao tempo dous ou máis reparos da intervención, e que, en case o 95% do total, 204, a causa do reparo parte de gastos que nacen de “necesidades permanentes e continuadas que requiren a formalización dun contrato” segundo a propia intervención.

O certo é que a maior parte dos gastos que teñen reparo de legalidade do interventor responden a gastos recorrentes e habituais para calquera espectáculo cultural e público e requirirían que o IMCE fixese un contrato global de cada un destes servizos para telos cubertos permanentemente e non ir facendo gastos menores de maneira improvisada e con facturas independentes, como se vén facendo nestes últimos anos amosando desleixo na xestión dos cartos de todas e de todos.

Principais datos do Informe elaborado a partir dos gastos con reparo de legalidade do IMCE

Neste sentido, profundando no informe, detallamos como máis do 23% dos gastos con reparos de legalidade son provocados porque “o importe acumulado deste supera o límite legal dun contrato menor”, ou tamén como case o 12% se xeraron ”sen unha fiscalización crítica previa”.

Atopámonos incluso con dous gastos, por valor de 20.111,39 € nos que se dá o caso de que xa existía unha empresa contratada para realizar as tarefas para as que son obxecto as facturas.

Deste xeito, a nosa portavoz Avia Veira lembrou que no Pleno deste luns demandamos explicacións, a través dunha pregunta oral, ao concelleiro de Culturas Xosé Manuel Sande, cando na súa intervención adiantaba parte dos datos do informe, mais a contestación do responsábel da área limitouse a sinalar que se estaba a proceder a eliminar os maos hábitos herdados de gobernos municipais anteriores, sen explicar realmente a recorrencia dos reparos.

A nosa portavoz municipal ensinando un dos gráficos do nos informe

Mais este argumento queda invalidado xa que logo, e segundo a propia liquidación do IMCE, os gastos con reparos realizados só en 2016, xa con contratos e servizos comprometidos polo Goberno municipal actual, ascenderon ao 15 % sobre os pagos realizados, o que supuxo máis de 785.000 euros.

E é que os abonos con reparos de legalidade emitidos en 2016 foron 123, ascendendo a 785.313,60 €, o que supón o 62,14 % de gastos sobre o total do importe dos gastos con reparo de legalidade desde comezo de mandato até abril deste ano. Para nós isto sinala un proceder impropio dun Goberno que se chamaba a si mesmo a “limpar e varrer”, a “abrir as fiestras e portas de María Pita”, e como o garante a desterrar as prácticas que se realizaban en Cultura e no IMCE durante o mandato do sr. Negreira. Asemella que os malos hábitos non se corrixiron nestes dous anos e fica por ver se finalmente se realiza unha xestión máis eficaz, máis transparente e mellor planificada.

A Coruña, 6 de xuño de 2017

 

Gráficos explicativos sobre os gastos:

Número de veces que esta causa é o obxecto do reparo de legalidade

Cantidade de veces que aparece a causa do reparo xunto con outra ou outras causas

Importe total acumulado por causa do reparo de legalidade

 

Destapamos os máis de 1.260.000 € de gastos con reparos de legalidade do IMCE