SOBRE A MARCHA DE XAVIER SEOANE DO PADROADO
A crise da Fundación Luís Seoane como síntoma dunha política cultural inexistente
Interpreta Veira que os motivos da marcha de Xavier Seoane –“desde logo unha baixa importante para o Padroado”- son os mesmos levaron o BNG a trasladar ao Pleno, en febreiro de 2021, unha moción para instar o Goberno Local a que dunha vez se animase a impulsar a Fundación Luís Seoane.
A moción foi aprobada por unanimidade, porén, dous anos despois, continúa sen ser levada á práctica. “Temos que lamentar que non se cumprisen os acordos que se recollían nunha iniciativa coa que, non só demandábamos o acondicionamento dun edificio en mal estado, senón que reclamábamos que o Goberno Local deseñase a posta en valor do legado e obra de Luís Seoane como un elemento de atracción cultural da nosa cidade e unha ferramenta de proxección da Coruña no eido das artes plásticas”.
Pedía o BNG tamén naquela altura que o Goberno Local, “contando co Padroado”, definise un proxecto museístico para converter a Fundación Luís Seoane nun centro de referencia da arte contemporánea galega.
“Por desgraza a moción non se cumpriu, agora prodúcese unha baixa importante no Padroado e desde o BNG vemos como este é o enésimo síntoma da ausencia absoluta dunha política cultural digna de tal nome por parte do Goberno de Inés Rey”, conclúe Veira.