A conta xeral amosa o incremento da débeda, a diminución de ingresos e o aumento da presión fiscal
A Coruña, 9 de setembro de 2013.- O Grupo municipal do BNG sinalou hoxe en plento que a Conta Xeral é o reflexo contábel da xestión do Goberno do PP e que amosa o deterioro económico do Concello, co incremento da débeda en 79, 5 millóns de euros e a diminución dos ingresos nun 75%, así como o aumento da presión fiscal.
Son unha burla ás coruñesas as declaracións dos membros do goberno municipal cando afirman que a execución do orzamento de 2012 foi boa, polo feito de que non recibira alegacións a Conta Xeral de 2012, sinalou Valencia.
As nacionalistas evidenciaron no pleno que non hai recursos municipais para financiar os gastos ordinarios, de aí que o Goberno acudira a vinte e tres operacións de empréstito o pasado ano, operacións que endebedan máis ao Concello. A débeda real, advirtiron, é moito maior que os 79,5 millóns, pois non se contabiliza a devolución de fondos correspondentes á participación nos ingresos do Estado dos anos 2008 e 2009 que, de contabilizarse, suporía unha maior débeda.
Ademais, a conta desenmascara a farsa dos tres modificativos de crédito aprobados polo Partido Popular ao longo do pasado ano e reflicten que a grande execución e boa xestión da que fala o Partido Popular cae por si soa. Así Valencia destacou a baixa execución dalgunhas partidas que foron destacadas estes días polo propio Goberno, como en emprego, onde a partida de cursos de formación de emprego(6024122619) ten un remanente 232.925 euros, logo de que no orzamento inicial tiña 843.786 euros á que se lle engadiron 207.000 euros nun modificativo; en comercio, a partida 6043122618, referida ao plan de dinamización do comercio local, cun orzamento de 700.000 euros, do que verdadeiramente foi gastado 332.211 euros; en Deportes, cun orzamento inicial da partida de rehabilitación de instalacións deportivas (5234263206) de 709.047, á que se lle engadiron nun modificativo 12.368 euros e deixáronse sen gastar 678.616 euros, menos do 6%; ou no Plan Urban C, no que os 127.128 euros para o plan de dinamización urbana C (6043122737) quedou sen executar todo.
Estes son só uns exemplos do xeito de gobernar do PP. O "facer que se fai" movendo grandes cantidades dunha partida para a outra, que logo queda sen executar, manifestou a nacionalista, que tamén fixo mención na súa intervención ao aumento da presión fiscal, e en concreto , a suba do recibo da auga.