Bravo: "Para o PP non é urxente falar da convocatoria de bolsas e axudas ao estudo"
A Coruña, 9 de setembro de 2013.- O Partido Popular opúxose no pleno de hoxe a que se debatiran as tres mocións presentadas polo Grupo municipal do BNG.
Así para o Goberno do sr. Negreira non é urxente falar da convocatoria de bolsas e axudas para os estudos postobrigatorios, convocatoria que remata o 30 de setembro e que supón un endurecemento das condicións e requisitos para acceder a estas axudas, vulnerando desde o punto de vista das nacionalistas as garantías do dereito á educación e o principio de igualdade de oportunidades (achégase moción na que hai un cadro comparativo onde se pode observar como todas e cada unha das axudas percibidas nos cursos anteriores se reducen de xeito considerábel ou simplemente se eliminan).
Así, con esta convocatoria, lembran o Grupo Municipal do BNG, desaparece a axuda ao desprazamento polo que que o estudantado que vivía até 50 quilómetros do centro de estudos podía acceder a esta axuda para desprazarse a realizar os seus estudos de FP, Bacharelato ou Universidade. Mais esta convocatoria tamén fai facer desaparecer o suplemento de cidade pola que numerosos estudantes da Coruña percibían un suplemento de algo máis de douscentos euros.
O Partido Popular pretende expulsar da educación, sobrancean as nacionalistas, aos estudantes con menos recursos económicos e aos fillos e ás fillas de familias traballadoras.