A construción da pista de skate parece a obra do Escorial
A Coruña, 17 de agosto de 2013.- O Grupo Municipal do BNG advirte de que a construción da pista de skate dos Rosales, recollida nos orzamentos de 2012 por valor de 164.501,69 euros, semella a obra do Escorial, dado o atraso que presenta. A instancias do BNG, o 11.12.2012, o Concello publicaba no perfil do contratante o expediente para a construción da pista, cun período de presentación de ofertas desde o 12.12.2012 até o 21.12.2013. E a día de hoxe, 17 de agosto, a última data de modificación rexistrada no perfil do contratante é do 14.05.2013 e sinálase que se atopa en fase de valoración desde entón.
Ante este bloqueo, a concelleira nacionalista Avia Veira rexistrou unhas preguntas para a resposta escrita nas que se interesa pola situación desta contratación, polas razóns do atraso e polos motivos que levaron a que a día de hoxe aínda non estean valoradas as ofertas. Pregunta, ademais, a edila do BNG cando pensa o Goberno municipal levar a cabo a súa execución e se vai ter rematada a pista de skate este ano. O equipamento foi reivindicado pola Asociación Coruñesa de Skaters, que conta cuns 200 socios e socias.