O Sr. Negreira debe instar a Xunta a acabar coas axudas aos colexios Peñarredonda e ao Montespiño

O Sr. Negreira debe instar a Xunta a acabar coas axudas aos colexios Peñarredonda e ao Montespiño

A Coruña, 16 de agosto de 2013.- O Grupo Municipal do BNG rexeita de fronte a decisión da Xunta de Galiza de manter os concertos cos colexios que segregan o alumnado por sexo, caso dos coruñeses Montespiño e Peñarredonda, malia a recente sentenza do TSXG que declara nulos estes concertos. Por iso, as nacionalistas esíxenlle ao Sr. Negreira, alcalde da Coruña e presidente provincial do Partido Popular, que inste a Feijóo a suprimir, de inmediato, as axudas a estes colexios.

As nacionalistas consideran que estes centros, aos que a Xunta de Galiza destina até 3 millóns de euros ao ano en virtude dos concertos co ensino privado, deben devolver os cartos públicos que recibiron mentres practicaban unha educación sexista cos orzamentos galegos. É inadmisíbel o repago do comedor ao que obrigará as familias a Xunta de Galiza cando, á vez, está tirando cartos neste tipo de centros, salientan. É curioso como o PP somete os centros de ensino públicos a grandes recortes mentres continúa coas prebendas aos colexios privados, engaden.

O Grupo Municipal do BNG afirma que a segregación por sexo é antipedagóxica e supón un regreso ao pasado, así como rachar cos principios educativos básicos construídos nos últimos trinta anos como garantía dunha maior xustiza social e igualdade de oportunidades.

 

O Sr. Negreira debe instar a Xunta a acabar coas axudas aos colexios Peñarredonda e ao Montespiño