CONSELLO ESCOLAR MUNICIPAL

O Consello Escolar Municipal fica esquecido polo Goberno da Marea Atlántica

Imaxe exterior dun dos edificios de titularidade municipal que hoxe en día e empregado para usos referidos a ensino e educación e onde ten a súa sede a Federación de Anpas da Coruña
Imaxe exterior do edificio municipal para usos referidos a ensino e educación e onde ten a súa sede a Federación de Anpas da Coruña

Preguntamos ao Goberno municipal por que tan só convocou o Consello Escolar Municipal (CEM) unha vez este curso escolar, a principios de setembro do ano pasado e para tratar asuntos referidos ao período lectivo 2015-2016

O Consello Escolar Municipal é un ente participativo e consultivo onde ademais da propia comunidade educativa teñen cabida as asociacións de nais e pais, as organizacións sindicais, persoas de recoñecido prestixio no sector da educación, membros nomeados pola corporación municipal e mesmo estudantado. É un escándalo este proceder que nós consideramos un desleixo para toda a comunidade que participa no ensino na cidade da Coruña

Demandamos do Executivo local que aclare por que faltou á súa promesa de convocar, canto menos, tres veces ao ano este órgano e se ten pensado outro modelo de participación para o ensino na cidade

O Consello Escolar Municipal fica esquecido polo Goberno da Marea Atlántica

Vimos de presentar esta mañá unha batería de preguntas (podes descargalas premendo aquí) a respecto de que só se convocara para todo o curso lectivo 2016-2017 unha reunión do Consello Escolar Municipal, a principios de setembro de 2016, e para tratar asuntos referidos para o curso anterior de 2015-2016.

E é que lembramos que durante o mandato do Partido Popular, o noso Grupo Municipal foi moi crítico a respecto de que tan só se convocara o Consello Escolar Municipal dúas veces cada ano durante o período lectivo, amosando en varias ocasións a nosa desconformidade co desinterese co se actuaba a respecto deste órgano.

O Consello Escolar Municipal é un ente participativo e consultivo onde ademais da propia comunidade educativa teñen cabida as asociacións de nais e pais, as organizacións sindicais, persoas de recoñecido prestixio no sector da educación, membros nomeados pola corporación municipal e mesmo estudantado. É un escándalo este proceder que nós consideramos un desleixo para toda a comunidade que participa no ensino na cidade da Coruña.

Así, entre outras cuestións requirimos que o Goberno municipal aclare por que o Servizo de Educación convocou o Consello Escolar Municipal tan só unha vez no período lectivo 2016–2017 e se se cre que é suficiente, ao xuízo do Goberno municipal, tan só unha convocatoria do CEM ao longo de todo o curso, xusto cando comezaba, e tratando asuntos do período anterior.

Tamén preguntamos se o executivo entende que o CEM non é un órgano participativo, ou mesmo se ten previsto outro modelo de participación para o ensino xa que logo cremos que non convocar este órgano pode ser un indicio de que o Goberno da Marea ten previsto implantar outro modelo de participación para debater e tratar os asuntos referidos á educación na cidade da Coruña. Desde logo nos imos esixir que cumpran a súa promesa de reunir, canto menos, tres veces en cada período escolar ao CEM de aquí ao final de mandato polo que xa queremos que se nos indique cantas veces ten pensado convocalo para o curso 2017-2018.

A Coruña, 30 de xuño de 2017.

O Consello Escolar Municipal fica esquecido polo Goberno da Marea Atlántica