Se o Concello quere seguir expropiando para a instalación de elevadores, debe modificar o PEPRI
A Coruña, 20 de decembro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG sinala que se o Concello da Coruña quere seguir expropiando para a instalación de elevadores, debe modificar o PEPRI actualmente en trámite, ademais de modificar a ordenanza de conservación e rehabilitación de inmóbeis para se adaptar, en ambos casos, ao que sinala a Lei 8/2013 e o Plan de vivenda 2013-2016. Ademais, as nacionalistas, sinalan que o Concello só podería expropiar para pór elevadores se a súa instalación se encadra nunha actuación de rehabilitación e que dita instalación estea prevista en plans, delimitación de ámbitos de rehabilitación e ordes de execución.
Desta maneira o Concello debe modificar o PEPRI aprobado provisionalmente pola Xunta de Goberno Local do pasado 12 de decembro xa que malia contemplar a instalación de elevadores como actuación de reestruturación parcial, nada di sobre as expropiacións para os instalar, nin tampouco fai referencia á aplicación e delimitación do ámbito da mesma en relación coa Lei 8/2013 de rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas. Ademais o Concello tamén debe modificar a ordenanza de conservación e rehabilitación de inmóbeis para a adecuar ao contido da Lei 8/2013 xa que dita ordenanza é anterior a esta lei.
A Lei 8/2013 e o Plan de vivenda 2013-2016
A Lei 8/2013 de rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas non lexitima a expropiación para a instalación de elevadores en todos os casos, senón que o Concello podería expropiar se, primeiro, a instalación do elevador se encadra nunha actuación de rehabilitación e, segundo, que tal instalación estea prevista nun plan ou delimitación de ámbitos de rehabilitación e ordes de execución. Así o seu artigo 15 determina que os suxeitos lexitimados nunha actuación de rehabilitación edificatoria, de rexeneración e renovación urbanas, como as comunidades de propietarios, poderán "Ser beneficiarios de la expropiación de aquellas partes de pisos o locales de edificios, destinados predominantemente a uso de vivienda y constituidos en régimen de propiedad horizontal, que sean indispensables para instalar los servicios comunes que haya previsto la Administración en planes, delimitación de ámbitos y órdenes de ejecución, por resultar inviable, técnica o económicamente cualquier otra solución y siempre que quede garantizado el respeto de la superficie mínima y los estándares exigidos para locales, viviendas y espacios comunes de los edificios". Este mesmo texto do artigo 15 é recollido no artigo 31.3 g) do RD 233/2013 de 5 de abril, polo que se regula o Plan estatal de fomento del alquiler de viviendas, la rehabilitación edificatoria, y la regeneración y renovación urbanas, 2013-2016.