DEREITOS LABORAIS
O Concello non dá amparo a unha traballadora á que lle vulneran os seus dereitos laborais unha empresa con contrata municipal
Amosamos a nosa indignación pola manifesta inacción da concelleira de Igualdade diante da vulneración do dereito de conciliación dunha muller traballadora dos Servizos Complementarios das Instalacións Deportivas Municipais
É unha tomadura de pelo que os que supostamente chegaron para mudalo todo sexan quen de, por unha banda, non recibir a un Comité de Empresa diante dunha solicitude de cita para tratar un incumprimento dun dereito recoñecido de conciliación a unha traballadora dunha empresa que xestiona un servizo municipal e, por outra, repetir o argumento empregado polo Goberno do Sr. Negreira e polo Partido Popular de que non se trata de persoal do Concello da Coruña senón que é unha cuestión que deben resolver as traballadoras e os traballadores coa súa propia empresa
Vimos de rexistrar esta mañá unha pregunta escrita (preme aquí para vela) para inquirirlle á concelleira de Igualdade pola súa inacción diante da vulneración do dereito de conciliación dunha muller traballadora dos Servizos Complementarios das Instalacións Deportivas Municipais que hoxe en día presta a empresa Ferrovial para o Concello da Coruña.
Segundo tivemos coñecemento, o pasado 21 de xuño, o Comité de Empresa, composto por traballadoras e traballadores deste servizo, rexistrou unha solicitude de reunión (podes vela a continuación) coa concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, para transmitirlle unha problemática en materia de igualdade e de conciliación que estaba a producirse na dita empresa, que xestiona o dito servizo municipal.
Na dita solicitude o Comité de Empresa xa informa de que se trata dunha traballadora á que a empresa lle está a restrinxir o seu dereito de conciliación da súa vida laboral e familiar xa que lle impiden exercer pola vía dos feitos unha redución de xornada xa recoñecida para coidado dun fillo menor de idade.
Amosamos a nosa indignación a respecto de que a concelleira de Igualdade, da Marea Atlántica, dos que chegaran para mudalo todo, no canto de recibir as traballadoras e os traballadores da empresa que xestiona os Servizos Complementarios das Instalacións Deportivas Municipais, veña a contestar que malia entender que si se están a vulnerar os dereitos fundamentais desa traballadora ao tratarse da relación laboral entre unha empresa e unha traballadora que o Concello da Coruña e ela como concelleira non ten nada que facer. Amais, a propia concelleira de Igualdade deixa en mans do xulgado e das instancias competentes en materia laboral a posibilidade de poñer en marcha mecanismos sancionadores como se non se tratar dun Servizo Municipal Público, tal e como se pode apreciar na contestación que achegamos a continuación.
Son moitas as ocasións en que a propia concelleira de Igualdade ten manifestado, como tamén fai a propia ONU, que todas as discriminacións contra as mulleres independentemente da súa natureza sufrida por elas polo feito de seren mulleres é o que denominamos violencia machista. Pois ben, con esta contestación o Goberno Local da Marea Atlántica non só non está a cumprir cun compromiso básico e democrático de calquera representante público de recibir a todas aquelas persoas que solicitan unha cita para tratar algunha problemática senón que está a poñerse de perfil diante do que ela mesma recoñece na súa contestación como unha vulneración dos dereitos máis básicos das traballadoras e dos traballadores: o dereito a conciliar a vida laboral e familiar empregando o mesmo argumento que no seu día empregaba o Partido Popular para non tomar partido diante de problemáticas semellantes, dicir que non se trata de persoal do Concello da Coruña e que se trata dunha cuestión que deben resolver as traballadoras e os traballadores coa súa propia empresa.
Por último, na nosa iniciativa escrita preguntámoslle ao Executivo local se considera axeitada esta contestación, se non considera que unha Concellaría de Igualdade tamén está para apoiar as traballadoras que ven vulnerados os seus dereitos de conciliación e se entende o Goberno que a Concellaría de Igualdade e mais a de Deportes non debían tomar partido nesta cuestión, informarse e no seu caso esixirlle responsabilidades á empresa, como prestadora dun servizo público municipal.
A Coruña, 6 de xullo de 2017