TELEMARKETING
O sector do telemarketing volve estar en loita
Solidarizámonos coas persoas despedidas das empresas DXC Technology e Teleperformance
Participamos de sendas concentracións realizadas esta mañá diante destas empresas polos despedimentos que nas últimas semanas teñen realizado
No caso de DXC Technology, á antigua HP, dáse a circunstancia que os despedimentos son de persoas que levaban na máis de 28 anos traballando para a empresa e cuxo único delito foi ter unhas condicións laborais adquiridas ao longo destas case tres décadas de traballo, procedendo agora a empresa a substituílas por persoal de ETTs, ou subcontratas, sen dereitos, sen convenios e con salarios moi inferiores
Vimos de participar esta mañá de sendas concentracións en solidariedade coas persoas despedidas das empresas DXC Technology e Teleperformance, xa que logo nestas últimas semanas, e sen previo aviso, ambas empresas procederon a realizar “axustes de persoal” amparado nas reformas laborais realizadas polo Partido Popular.
Así quixemos acompañar nas concentracións ás traballadoras e aos traballadores despedidos, así como ao cadro de persoal que realizou as convocatorias. Do mesmo xeito tamén queremos denunciar, por exemplo, no caso da empresa Teleperformance, que os despedimentos realizados non teñen unha xustificación real xa que logo os motivos polos que as traballadoras e traballadores son cesados céntranse nunha hipotética baixada de ventas que non acontece, sendo principalmente o persoal eventual e con menos antigüidade, por tanto, con menos dereitos adquiridos e moito mais barato de prescindir, o que é obxecto destes despedimentos.
Asemade, censuramos a situación que se está vivindo na antiga HP, hoxe DXC Technology, que desde hai un tempo vén prescindindo do cadro de persoal máis antigo, nunha descarada aplicación das reformas laborais do PP que ampara a práctica da empresa encamiñada a aumentar os seus beneficios a costa dos dereitos e das condicións das traballadoras e dos traballadores.
Neste caso de DXC Technology dáse a circunstancia que os despedimentos son de persoas que levaban na máis de 28 anos traballando para a empresa e cuxo único delito foi ter unhas condicións laborais adquiridas ao longo destas case tres décadas de traballo, procedendo agora a empresa a substituílas por persoal de ETTs, ou subcontratas, sen dereitos, sen convenios e con salarios moi inferiores.
Neste sentido, lembramos que DXC Technologys presta os seus servizos a Evo Banco e Servihabitat-La Caixa, polo que tamén consideramos cómplices desta política empresarial de degradación dos dereitos laborais, mesmo fomentando vulneracións fragrantes de dereitos fundamentais.
Por último, recordar que na actualidade na cidade da Coruña veñen traballando algo menos de 3.000 persoas no sector do telemarketing, sector que se caracteriza pola precarización, a temporalidade e inestabilidade, e que ademais, nos últimos anos, e motivado pola redución de custes que os contratistas aplican unilateralmente coa escusa da crise, co incremento da competitividade entre as empresas polos grandes contratos, co incremento do paro e a posibilidade de repercutir a baixada de prezos nos salarios, vense producindo un aumento da presión, estrés, sancións, vexacións ao persoal en case todas as empresas, así como reducións nas condicións laborais con reducións de xornadas, peores horarios que fan incompatíbel a conciliación familiar, máis quendas de fins de semanas etc., polo que, vivimos o paradoxo de que mentres o sector crece e ten máis beneficios ca nunca e cada vez máis servizos se externalizan e se abaratan pola vía da subcontratación, as condicións das traballadoras e traballadores empeoran para adaptarse á competencia, repercutindo nas persoas, e creando situacións de explotación e fraude laboral.
A Coruña, 6 de xullo de 2017
Noticias relacionadas.
- O telemarketing segue a ser obxecto de explotación, emprego precario e vulneración de dereitos
- Todas e todos co cadro de persoal de Extel. Manifestación o 6 de outubro
- O noso apoio ás traballadoras e aos traballadores dos centros de chamadas
- Extel: esiximos facer efectivos os acordos da nosa moción de decembro