O Concello asume un custo no polígono de Vío que lle corresponde só aos promotores
A Coruña, 6 de setembro de 2013.- Á espera de acceder ao expediente do Protocolo de colaboración entre o Concello da Coruña, Autoridade Portuaria e Promotora Urbana de Vío, asinado este pasado xoves, e que ten solicitado o Grupo Municipal do BNG, resulta que o Plan Xeral aprobado polo Partido Popular xa pon de manifesto o beneficio que obteñen os propietarios. do polígono de Vío por conta do Concello.
De acordo co estabelecido no Plan Xeral, o custo total da actuación do sistema xeral e local viario na estrada 3ª rolda-Polígono de Vío (VG-1) ascende a un total de 32.092.000 euros. Pois ben, a pesar de tratarse dun sistema xeral directamente ligado a un sector de solo urbanizábel (SURT 3), correspondendo custear e, no seu caso, executar as infraestruturas de conexión cos sistemas xerais existentes aos propietarios (sr. Jove e sr. Collazo), resulta que o Concello da Coruña asume o 30% desta actuación que ascende a 9,6 millóns de euros.
O Goberno local, sinala o Grupo municipal do BNG, debería explicar por qué asume unha parte das obras cando o viario VG-1 é un sistema xeral, cuxo financiamento corresponde única e exclusivamente aos promotores.
A razón pódese atopar analizando de novo o PXOM, concretamente a ficha urbanística SURT3 na que aos promotores se lles permite non construír o viario VG-S4.01 (de conexión do polígono coa estrada Mesoiro-Uxes), a cambio de asumir o 70% da execución das obras do viario VG-1, estrada Rolda Terceira-Polígono de Vío (*), de enlace co porto exterior, cando en realidade deberían de asumir o 100% das obras de dito sistema xeral. Un cambiazo que beneficia especialmente aos promotores, e quedando obrigado o concello a abonar o 30% dunha obra que deberían asumir na súa totalidade os promotores da actuación.
Por último, resulta sorprendente que se publicite tal protocolo de conversión do polígono en plataforma loxística de apoio ao porto exterior omitindo o cambio de uso urbanístico do polígono, motivado pola afección de usos da refinería, xa que no sector SURT-3 Vío non pode permitirse o uso comercial segundo o Ditame Técnico da Refinería (documento do PXOM), pois o ámbito está atinxido polo zona BLEVE de Repsol Butano e as súas zonas de alerta.
Máis unha vez, o Goberno local beneficia aos grandes promotores da cidade da Coruña por conta da propia cidadanía e das arcas municipais.
(*) Ficha do SUrt-3-PXOM :
Se sustituye la obligación de obtener el suelo para la ejecución del vial Sur VG-S4.01 por la obtención del Norte VG-1 que conecta el ámbito con la Tercera Ronda