PREGUNTA ORAL DE FRANCISCO JORQUERA NO #PLENOXULLO DO 7X
A concelleira de Medio Ambiente admite que a limpeza na cidade "é mellorábel"
“A situación é mellorábel”, admitiu a concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán. “Por utilizar unha frase, a cidade está máis limpa que onte, pero menos que mañá”, engadiu, ao tempo que lle asegurou a Jorquera que “este Goberno Local controla de perto o cumprimento das cláusulas técnicas dos contratos do servizo de limpeza viaria e de recollida de lixo”.
Jorquera lamentou que nestes tres anos de mandato se desaproveitara a ocasión para “introducir melloras substanciais na limpeza e recollida de lixo” e mesmo para “mudar o modelo de xestión, abordando todo o relativo ao ciclo do lixo de xeito integral en vez de o fraccionar en distintos contratos”.
E no mesmo sentido, remarcou que “continuamos a agardar polo novo contrato do servizo de tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos, pois a concesión actual caducou ao remate de 2019”.