PREGUNTA ORAL DE AVIA VEIRA NO #PLENOXULLO DESTE 7X
Lage anuncia agora un estudo para a unificación da rede das bibliotecas, mais a iso xa se comprometeu o PSOE en 2019
Mais a iso xa se comprometeu o PSOE en 2019 cando asinou co BNG o Acordo de Investidura de Inés Rey, remarcou na súa intervención perante o Pleno Avia Veira. En concreto, o texto pactado por ambas formacións políticas rezaba así: “Darlle a mellor solución legal e laboral posíbel, no primeiro ano de mandato, á situación do persoal das bibliotecas, co obxectivo de unificar a rede através da xestión directa”.
“E nin mellor solución, nin primeiro ano de mandato, nin obxectivo de unificar a rede, nin xestión directa. Incumprírono todo”, denunciou Veira.
Lage anunciou tamén que se a empresa non paga a extra antes das 14 horas de mañá venres o Concello iniciará un procedemento sancionador contra ela. Se a concesionaria reiterar os incumprimentos das súas obrigas coas bibliotecarias, o Goberno Local rescindiría o seu contrato, sinalou Lage.
“Saudamos os anuncios destas medidas, mais as saudaremos moito máis cando as palabras se convertan en feitos”, remarcou Veira, quen puxo a énfase en que foi preciso que as bibliotecarias convocasen e protagonizasen unha folga para o Goberno Local comezar a moverse.
“Saudamos os anuncios destas medidas, mais as saudaremos moito máis cando as palabras se convertan en feitos”, remarcou Veira
A edil nacionalista criticou tamén os servizos mínimos impostos por un decreto da alcaldesa. Xúlgaos excesivos e dirixidos a “intentar diluír os efectos da folga”, censurou.
Lage deslizou que a concesionaria podería estar a xogar co conflito laboral para obter un maior financiamento do contrato por parte do Concello. Negou que iso fose necesario porque o contrato é suficiente e porque o Concello está a cumprir coas súas obrigas de pagamento á concesionaria.
Veira rendeu tributo ás bibliotecarias pola súa loita. “Están a recibir o apoio inconmensurábel das usuarias. As traballadoras das bibliotecas tecen co seu traballo sociedade, manteñen viva e accesíbel a cultura nos barrios”, destacou.