UNHA INICIATIVA DE AVIA VEIRA PARA O #PLENONOVEMBRO

Cómpre que o Goberno Local teña en conta as queixas das persoas usuarias de Bicicoruña

BNG A CORUÑA
Un ano e medio despois de se estrearen as novas estacións e as bicicletas eléctricas, convén que o Goberno Local faga unha avaliación do funcionamento de Bicicoruña, entende a concelleira do BNG Avia Veira, quen a ese respecto dirixirá unha pregunta oral ao Executivo coruñés no Pleno do vindeiro xoves 9N.
Cómpre que o Goberno Local teña en conta as queixas das persoas usuarias de Bicicoruña

"Chégannos queixas de persoas usuarias arredor de deficiencias de Bicicoruña. Hai problemas recorrentes nas horas punta -saídas e entradas dos traballos, por exemplo- con estacións baleiras e cónstanos tamén malestar porque con demasiada frecuencia se atopan bicis con rodas que non están nas mellores condicións, algo que se está a ver con clareza nestes días de chuvia”, refire Veira.

Dado que a previsión é que Bicicoruña vai “medrar aínda máis en número de estacións e de bicis eléctricas” cómpre “acompañar ese medre dunha necesaria reflexión sobre os aspectos a mellorar”, considera a concelleira nacionalista.

“Estamos a falar dun servizo que é moi útil e que é clave para que se abra paso un novo paradigma de mobilidade na Coruña”, conclúe Veira.

O texto da pregunta oral que realizará no Pleno do xoves reza como segue: “Que avaliación fai o Goberno Local do servizo de Bicicoruña?”.

 

 

 

 

Cómpre que o Goberno Local teña en conta as queixas das persoas usuarias de Bicicoruña