PRESENTACIÓN DOS 14 PRIMEIROS NOMES DA CANDIDATURA DO BNG PARA O 28M
Coa receita de Arsenio "Orde e talento" na cabeza e no corazón, aspiramos a gobernar A Coruña
Nunha comparecencia ante os medios para presentar os primeiros 14 nomes da candidatura do BNG para o 28 de maio, Jorquera lembrou que “o xenial Arsenio Iglesias” resumía en tres palabras as características dun bo equipo de fútbol: Orde e Talento.
“Trazos que reunía aquel equipo que todos lembramos e que se gañou co seu bo facer o apelativo de SuperDépor”, rememorou Jorquera. Pois ben, remarcou, eses tamén son os trazos da candidatura do BNG.
Orde como sinónimo de solidez, solvencia, fiabilidade e estabilidade. En contraposición ás crises sucesivas que lastraron o funcionamento do Goberno Local, “con dimisións de concelleiros e continuas reasignacións de funcións”, mais que tamén se manifestaron en “crises e recomposicións dos outros grupos municipais”.
Fronte ao balbordo dos outros grupos, o BNG, subliñou Jorquera, estivo centrado “no que tiñamos que estar: no contacto coa veciñanza e en dar respostas ás súas necesidades e aspiracións a través das nosas propostas e iniciativas”.
No acto desta mañá -que tivo como escenario o andar superior do emblemático edificio Atalaya, nos Xardíns de Méndez Núñez- o BNG presentou os primeiros 14 nomes da súa candidatura.
“Escollemos en primeiro lugar os 14 primeiros por ser un número simbólico. 14 é o número necesario para acadar a maioría absoluta”, esclareceu Jorquera.
Significa isto que o BNG aspira a obter 14 escanos no salón de plenos de María Pita? “Somos optimistas, pero teño que admitir que non tanto como para aspirar á maioría absoluta. Mais coa escolla dos 14 primeiros queremos salientar que imos a por todas nestas eleccións municipais porque a nosa vocación é sermos a forza que lidere a cidade nos vindeiros catro anos”, dixo o noso candidato á Alcaldía.
E despois da orde, o talento: “É unha candidatura cunha presenza importante de persoas novas e sobradamente preparadas”, resaltou Jorquera, quen a seguir puxo o acento en que o BNG aspira “a unha Coruña capaz de reter o talento”. “Unha Coruña na que a mocidade poida vivir e realizar o seu proxecto vital”, engadiu.
Unha lista, a do BNG, con persoas de “perfil variado”. “Traballadores, profesionais, xestores empresariais. Xente implicada nos movementos sociais, sexa o sindicalismo, o movemento cultural, o asociacionismo veciñal, o tecido deportivo ou outras organizacións cívicas”, explicitou. “Veciños e veciñas dos distintos barrios da cidade”, completou. “Porque A Coruña é unha cidade de barrios e queremos poñer os barrios no centro”, proclamou.
Avia Veira e Mercedes Queixas
Avia Veira (1986, veciña de Monte Alto) –responsábel durante este mandato das áreas de Urbanismo, Vivenda, Mobilidade, Cultura, Servizos Sociais- asume o número dous da candidatura do BNG.
“Avia asumiu, ela soa, a representación do BNG no Concello en 2015, nun contexto moi difícil, demostrando unha grande valía que tivo a súa confirmación no traballo levado a cabo ao longo deste mandato”, relatou Jorquera, para quen “sen lugar a dúbidas Avia tivo moito a ver no que xa podemos chamar a grande remontada do BNG”.
O terceiro nome na lista é o de Mercedes Queixas (1968, veciña dos Mallos), parlamentar do BNG no Pazo do Hórreo, profesora, escritora, membro da Academia Galega. “Unha persoa á que, entre outras moitas cualidades, cábelle na cabeza a inmensa cultura que atesoura esta cidade”, remarcou o noso voceiro.
A cuarta praza da lista asúmea David Soto (33 anos, veciño de Novo Mesoiro), profesor de dereito público da UDC, e “destacado activista na defensa das liberdades cívicas e os dereitos humanos”, en tanto que no posto cinco aparece o mozo Ignacio Siota (29 anos, con raíces na Gaiteira), graduado en Socioloxía e Ciencias Políticas, traballador dunha sucursal bancaria e anterior responsábel comarcal de Galiza Nova.
Sexta é Lupe Martínez Junquera (1979, veciña de Pedralonga), socióloga, funcionaria da Administración públcia e integrante da Cátedra de Memoria Histórica da UDC. O traballador da biblioteca municipal da Sagrada Familia e persoa vencellada ao asociacionismo cultural e ao mundo do teatro amador Jorge Castro (61 anos, veciño de Monte Alto) ocupa a sétima posición na listaxe nacionalista.
En oitavo lugar aparece María Seixo (1963, veciña de Matogrande), enfermeira, sindicalista, presidenta da Xunta de Persoal da Área Sanitaria da Coruña “e todo un referente polo seu compromiso incansábel en defensa da sanidade pública”, salienta Jorquera.
O perfil de Raimundo Martínez Fraga (49 anos, veciño do Ensanche), noveno na candidatura, é o dunha persoa cunha longa traxectoria no asociacionismo cultural e con fortes vínculos co mundo das peñas do Deportivo. É o director comercial e de xestión dunha empresa de artes gráficas no Polígono de Agrela.
Décimo é Carlos Varela (60 anos, veciño do Barrio das Flores), durante 40 anos traballador da hostelaría coruñesa e destacado militante sindical, mentres que undécima é Celia Armas García (1974, veciña das Roseiras), profesora de lingua e literatura galega no IES Salvador de Madariaga, actualmente en excedencia, secretaria comarcal da CIG Ensino e secretaria xeral da Mesa pola Normalización Lingüística.
Moi vinculado co asociacionismo veciñal, primeiro na Agra do Orzán e logo en Novo Mesoiro, é o duodécimo nome desta lista, Manuel Francisco Méndez (50 anos e veciño de Novo Mesoiro), traballador de Nós Diario.
A candidatura, nos postos 13 e 14, respectivamente, complétana Keina Espiñeira (40 anos, veciña da Cidade Vella) doutora en Ciencias Políticas e da Administración, profesora e investigadora na comunicación da UDC, experta en migracións e políticas de asilo, e veciña da Cidade Vella, e Iria Buxán Raposo (1985, residente en varios lugares do mundo por razóns de traballo, mais co corazón sempre na Agra do Orzán), políglota, licenciada en Ciencias Políticas e da Administración pola USC, especialista en relacións internacionais e consultora para diversos organismos internacionais, como o Banco Mundial. Deportista, xoga nas Fillas de Breogán, equipo de fútbol gaélico.
EMPATÍA E CORAZÓN
Unha candidatura que achega “orde e talento”, mais tamén “empatía, corazón, ilusión e forza para ser a alternativa que A Coruña necesita”, aseverou Jorquera, para quen a escolla nas eleccións municipais de maio non se pode dar “entre catro anos de continuismo, de máis do mesmo”, dixo en alusión ao PSOE, ou “o retorno ao pasado, a un modelo de cidade superado”, en referencia ao PP.
Nin unha cousa nin a outra. O que precisa A Coruña é “un cambio de rumbo” e quen está en condicións de o protagonizar é o BNG. “Temos o aval do noso traballo estes catro anos, pero ademais temos o aval da nosa experiencia nos gobernos municipais”, subliñou. “Os concellos gobernados polo BNG son recoñecidos por moitos galegos e galegas como un exemplo de boas prácticas municipais”, completou.
De aí que o BNG, anunciou, fará na campaña unha apelación directa ás coruñesas e coruñeses. “Hai unha canción de John Lennon que se chama Give Peace a Chance. Dálle unha oportunidade á paz. Pois nós dicímoslle a cada coruñesa e coruñés: dálle unha oportunidade ao BNG”.
“Unha oportunidade para, coa enorme forza que ten esta cidade, darlle á Coruña o impulso que necesita. Unha oportunidade para A Coruña desenvolver todo o seu potencial. Unha oportunidade porque A Coruña merece máis”, concluíu.