O GOBERNO LOCAL DEBE PREMER A ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA PARA QUE OFREZA PRESTACIÓNS DE CALIDADE
Soto leva a Pleno as queixas das usuarias de polideportivos dependentes da Xunta

Soto non só denuncia a responsabilidade da Xunta na falta de mantemento destas instalacións, senón tamén a ausencia por parte do Goberno Local de movementos para lle esixir ao goberno autonómico que garanta a calidade das prestacións que reciben as persoas usuarias deses polideportivos, de titularidade pública, mais xestionados por unha empresa privada.
“As instalacións levan anos sen investimentos, o que se traduce en pingueiras nas pistas, paredes descascadas, armarios que non funcionan nos vestiarios, máquinas deportivas deterioradas e, mesmo en Elviña, accesos inzados de fochancas”, relata Soto.
O BNG é coñecedor de a concesionaria ter solicitado unha autorización en urbanismo para levar a cabo un mantemento xeral das instalacións. O permiso foille outorgado o 18 de setembro de 2024, “mais a día de hoxe as obras non foron executadas, co cal a autorización estaría a piques de caducar, o que obviamente adiaría a reparación das deficiencias”.

Para Soto, é obvio que “a Xunta non lle está a esixir á concesionaria a debida dilixencia” á hora de manter as instalacións en bo estado, mais tamén parece evidente que o Goberno Local tampouco está a premer a Administración autonómica para esta ofrecer un servizo de calidade.
“É como se houbese un pacto non escrito de cohabitación pacífica entre o PP na Xunta e o PSOE no Concello, polo cal ambos evitan molestarse entre si”, argumenta Soto.
“Isto debe rematar cando antes. Quen paga os pratos rotos é a veciñanza da cidade”, conclúe.