Carril pedirá en Pleno reestabelecer a gratuidade e universalidade do servizo de salvamento marítimo
A Coruña, 10 de xaneiro de 2012.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, vén de rexistrar unha moción para o seu debate en Pleno sobre o servizo de Salvamento Marítimo da Xunta de Galiza e dos seguros por mal tempo ou accidentes no mar, unha iniciativa elaborada, conxuntamente, con profesionais do sector. O nacionalista instará o Pleno a solicitarlle á Xunta de Galiza a derogación do Decreto 130/2012, do 31 de maio, para estabelecer o carácter gratuíto e universal das operacións de salvamento do Servizo de Gardacostas de Galiza.
Solicitará, tamén, Carril rescatar a venda dos helicópteros de salvamento marítimo "Pesca I" e "Pesca II" para que volvan ser de titularidade pública e para garantir o cumprimento dos tempos de resposta estabelecidos (máximo de dez minutos) as 24 horas dos 365 días do ano. Ademais de reclamar a recuperación do Seguro Colectivo de Accidentes no Mar e o Seguro do mal tempo, Carril reclamará garantir o envío dun buque de apoio loxístico e asistencia sanitaria á frota pesqueira que se desprazará á vindeira campaña do bonito do 2013.
A Xunta de Galiza degradou os niveis de seguridade marítima no litoral galego
Carril expón na moción que, lamentabelmente, en moi curto espazo de tempo, "son varias as decisións do Goberno galego que viñeron degradar, aínda en maior medida, os niveis de seguridade marítima existentes no litoral galego". Cita, como exemplo, o cobro das actuacións de salvamento marítimo que realicen helicópteros, embarcacións, vehículos e persoal do Servizo de Gardacostas de Galiza, en base ao decreto 130/2012. "O PP converteu nun simple negocio o salvamento de vidas humanas no mar, cobrándolle, mesmo, aos buques pesqueiros que precisen de asistencia, aínda en risco de afundimento", denuncia.
Sinala, ademais, a eliminación do "Seguro Colectivo de Accidentes no Mar", con cobertura automática a todas e todos os profesionais do mar ou á venda á empresa privada INAER dos helicópteros de salvamento marítimo "Pesca I" e "Pesca II", de titularidade pública galega e recente adquisición, por un prezo que duplica o da súa venda. Advirte Carril dos atrasos frecuentes destes helicópteros en operativos de salvamento sen que conste ningunha sanción á empresa adxudicataria.
O portavoz do BNG engade a matriculación nas Illas Canarias dos dous buques maiores do Servizo de Gardacostas de Galiza: o "Sebastián Ocampo" e o "Irmáns García Nodal" (tamén de titularidade pública, mais xestionados pola empresa privada Remolcanosa) só para accederen a avantaxes fiscais e posibilitar a degradación e desregularización das súas tripulacións.
Ademais, dá conta da eliminación do buque de apoio e asistencia sanitaria á frota pesqueira que acode á campaña do bonito no Océano Atlántico e da supresión do "Seguro de mal tempo", que evitaba perdas económicas por non saír ao mar en caso de inclemencias meteorolóxicas.
Galiza padece a maior taxa de sinistralidade de todo o Estado español
Carril pon de manifesto na moción que o sector pesqueiro galego é o que padece a maior taxa de sinistralidade de todo o Estado español. "Aínda que representa, en canto á súa dimensión, apenas o 50% do do conxunto do Estado, sofre o 80% de sinistralidade mortal por razón de afogamento ou hipotermia", sinala. E neste contexto, engade, estase a producir "unha irresponsábel degradación, privatización e precarización do servizo de salvamento marítimo que opera na Galiza, e que xa ten provocado consecuencias irreparábeis".
O nacionalista alude á traxedia da percebeira de Oia que perdía a súa vida o pasado decembro mentres apañaba percebes. Púxose entón en en evidencia o atraso na actuación do helicóptero "Pesca I" (adscrito ao Servizo de Gardacostas de Galiza, do Goberno galego, con base en Vigo) vulnerando o estabelecido no contrato que vincula á Xunta de Galiza coa empresa INAER Helicópteros Off Shore, S.A.U., en relación cos tempos de resposta. Carril lembra que previamente, en novembro, o helicóptero "Pesca II" (con base en Celeiro), sufríu un intolerábel atraso que impediu o rescate dun mariñeiro fronte ás costas de Burela. Aínda que foi outro helicóptero, dende A Coruña, o que chegou ao lugar do sinistro, non foi posíbel salvar a vida deste traballador do mar.
Carril salienta que estes casos "revisten unha extraordinaria gravidade porque estamos a falar de vidas humanas e as decisións adoptadas pola Xunta de Galiza incrementan os índices de risco até uns niveis absolutamente intolerábeis". O portavoz nacionalista espera que todos os grupos da Corporación aproben esta iniciativa "para que se adopten as medidas correctoras que eviten no futuro a reprodución de feitos desta natureza, porque salvamento dunha vida humana debe ter a consideración de servizo público gratuíto, nunca de negocio empresarial".