Carril lembra que as obras da Mariña requiren da aprobación do PEPRI e do Plan de Infraestruturas
A Coruña, 3 de febreiro de 2014- No capítulo de preguntas orais, o portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, interesouse polo abeiro normativo do proxecto de urbanización da Mariña e comezou a súa intervención lembrando o posicionamento das nacionalistas respecto das obras do Parrote e da Mariña. Apuntou Carril que na época actual os investimentos públicos teñen que priorizarse noutro tipo de necesidades. Se falamos de necesidades urbanas, cumpriría centralos nos barrios, tal e como xa indicamos nas reclamacións aos orzamentos municipais, e tamén deberían dedicarse a cuestións relacionadas con políticas de fomento do emprego ou de benestar, sinalou. No caso das obras da Mariña entendemos que se trata dun investimento municipal innecesario e que representa un dispendio, denunciou.
A continuación, Carril referiuse ao convenio asinado no seu día entre Concello e Autoridade Portuaria ao lembrar que o BNG solicitara a súa suspensión e solicitara o trámite a exposición pública, na medida en que o BNG sempre entendeu que se trataba dun convenio urbanístico. Posteriormente, sinalou o nacionalista, o convenio deu pé a certos cambios, como a modificación do PEPRI e a aprobación dun plan de infraestruturas, que foron aprobados inicialmente e que pasaron o trámite de alegacións, unhas alegacións que aínda non foron contestadas a día de hoxe. Nesta liña, Carril apuntou que o normal sería que esta obra tivese o amparo do PEPRI e do plan de infraestruturas, é dicir, salientou, habería que aprobar o PEPRI e mais o plan de infraestruturas para levar a cabo as obras de urbanización da Mariña. Tamén puxo de manifesto que o proxecto de urbanización da Mariña debería someterse ao trámite de exposición pública para que a cidadanía tivese a posibilidade de consultalo.
Por último, Carril afirmou que o BNG entende a peonalización como un fin e nunca como un medio. Vemos como, neste caso, por conta da peonalización se están a xustificar moitas cuestións, como é favorecer a Copasa con determinado tipo de actuacións, concluíu.
Bravo, sobre o plan de erradicación do chabolismo: O programa de axudas para a adquisición de vivendas tivo 0 persoas beneficiarias e 0 familias propostas nesta modalidade
Logo que o Concello da Coruña lle retirara ao Secretariado Xitano a xestión dos 330.000 euros para o Plan de erradicación do chabolismo, María Xosé Bravo preguntoulle ao Goberno municipal se se levou a cabo una avaliación do plan, quen a levou e cales eran os resultados. A concelleira nacionalista lembroulle ao Goberno municipal, na súa intervención, que a Fundación Caixa Galicia é unha entidade sen experiencia nesta problemática, eles mesmo din que hai 70 anos traballaron con chabolistas do asentamento de Casablanca!, salientou Bravo, quen lembrou que desde o 2011, investiuse, ou cando menos figuraba nos orzamentos, unha cantidade importante de diñeiro público en distintos programas que parecían ter como obxectivo o disfrute dunha igualdade de oportunidades no acceso normalizado á vivenda, a educación e ao emprego.
A continuación, a concelleira do Bloque tirou da última memoria de xestión para sinalar que o programa de axudas para a adquisición de vivendas tivo 0 persoas beneficiarias e 0 familias propostas nesta modalidade. En canto ao programa de axudas para aluguer ou acollemento familiar, apuntou que de 27 prazas ofertadas só se cubriron 18, que só 3 unidades familiares se incorporaron no 2012 ao programa e que tan só se desaloxaron 3 chabolas. A tres por ano, o asentamento da Pasaxe desaparecerá en 15 anos, denunciou. Tamén falou do programa Acceder, de fomento do emprego entre a comunidade xitana, do que só 2 persoas conseguiron contratos laborais.
Con esta radiografía que ofreceu María Xosé Bravo da memoria de xestión, a concelleira do BNG preguntoulle ao edil de Servizos Sociais se segue mantendo as declaracións en que, hai apenas dúas semanas, sinalaba que el chabolismo podía acabar mañana mismo si la gente que vive en el asentamiento de Ponte Pasaxe quisiera. A solución, Sr. Lorenzo, é un problema de vontade, de vontade política. O 100% da poboación que vive alí quixera vivir nun contexto inclusivo e normalizado, son familias que loitan pola promoción e integración social e por mellorar as súas condicións de vida, mais atópanse cun moi longo camiño de obstáculos que lles impiden saír de alí, salientou. Puxo como exemplo o caso das familias que levan 2 meses sen recibir a axuda a vivenda, seica é porque é xaneiro que pena que todos os anos teñan mes de xaneiro, concluíu a edila do BNG.
Avia Veira revela que foi a pleno un decreto de alcaldía resolve a aprobación do PMUS e critica o escurantismo sobre o plan
Avia Veira preguntoulle ao Goberno municipal polo estado do Plan de Mobilidade Urbana Sustentábel, o PMUS, do que, sinalou, tivo xa un nacemento escuro, pois no momento en que quixemos ter coñecemento de como se producira a súa contratación, a fundación EMALCSA denegounos o acceso ao expediente. Así, expuxo que ese ente que vostedes converteron en caixón desastre para garantirse escurantismo nas contratacións e cuxo presidente é o mesmísimo alcalde denegounos o acceso ao expediente, ese ente que se xustificaba no seu carácter privado, no documento de denegación, foi o encargado de contratar a redacción un plan que determinará o deseño da mobilidade de todo o pobo coruñés durante anos. Viva a transparencia, ironizou.
Tamén cualificou de escuro e de descoordinado, o seu proceso de redacción, cunha denegación de acceso constante ao documento de análise e diagnose da situación da mobilidade na Coruña. Non é que só lle denegaran ao BNG o acceso, xa que vostedes acudiron ás reunións coas diferentes entidades e asociacións veciñais e sociais sen darlles a coñecer o documento técnico de análise e diagnose, denunciou. Un proceso que podía ser de contraste e de participación directa no plan converteuse nunha mera consulta, criticou. Lembrou Avia Veira que cando o BNG solicitou acceso ao documento de diagnose, o Goberno do Sr. Negreira contestou , a finais de setembro, que estaban a traballar cos axentes sociais para completar o documento matriz de diagnose á vez que a Sr. Freire dicía diante dos medios de comunicación que estaban a traballar xa na definición dos obxectivos. Como se pode traballar en obxectivos se aínda non temos definida completamente a situación de partida?, preguntouse.
A concelleira do BNG, que tamén se referiu á falta de transparencia na web do plan, revelou, a continuación, que un dos decretos que foron a Pleno resolve a aprobación do PMUS e está asinado o 27 de decembro de 2013 polo alcalde. Como é posíbel que a finais de setembro seguisen a traballar no documento matriz de diagnose e comezando cos obxectivos e a finais de decembro xa tivesen rematado o plan?, preguntou Avia Veira, como é posíbel que nos teñamos que enterar un mes e pico despois da súa aprobación e de que o plan xa está rematado e que aínda non está anunciado nin veu a pleno?, engadiu. E o que é peor: non coñecemos a diagnose, nin os obxectivos, nin as medidas que implementará, denunciou.