Carril denuncia o roubo do PP coa suba da auga e critica que a trate como un ben de luxo

Carril denuncia o roubo do PP coa suba da auga e critica que a trate como un ben de luxo

A Coruña, 7 de novembro de 2012.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, insistiu esta mañá en que o Goberno do Sr. Negreira subiralle a auga á maior parte da cidadanía, "o máis lamentábel é que o PP considera un ben de primeirísima necesidade, como é a auga, como un ben de luxo que grava, e grava máis a maioría da poboación que á minoría". Así comezaba Carril a rolda de prensa en que denunciaba a suba das ordenanzas que incrementan o prezo da auga, unhas ordenanzas aprobadas inicialmente no Pleno do pasado luns co voto en contra do BNG.

Carril, que comparou esta situación coa dos países en vías de desenvolvemento e empobrecidos, onde se explota a auga como un ben privativo polo que hai que pagar para satisfacer o ánimo de lucro das empresas explotadoras, cualificou a suba de "fraude social e económica maquillada baixo unha suposta diminución". E, a continuación, desmontou a trampa do Goberno municipal: "existen dous tipos de taxas de dispoñibilidade das persoas titulares da auga, taxa variábel e taxa fixa. Aquí é onde residen as fórmulas fraudulentas do PP, que nos vende unha imperceptíbel diminución na cota variábel cando, á vez, incrementa de xeito desproporcionado a cota fixa. E isto último é o que cala o Sr. Negreira", explicou.

Carril desmonta as contas

Ao 87% da cidadanía, que ten contratado 1,5 m3/h, o PP súbelle a auga un 142%

O portavoz nacionalista expuxo que á meirande parte da cidadanía, a que ten 1,5 m3/h de servizo de auga, é dicir, ao 87% dos coruñeses e coruñesas, encareceráselles, notabelmente, a auga o ano que vén. A taxa fixa subiralles a estas persoas duns 4,07 euros ao mes a uns 5,76 euros, un 141,52% de aumento. Porén, sinalou Carril, o PP trata de que vexamos só que a taxa variábel lles baixa do 0,1745 euros euros/m3 a 0,1693, un simple 2,98%. En definitiva, á maior parte da cidadanía súbelle a taxa fixa un 142% e báixalle a taxa variábel un 2,98%.

Traducindo estes datos a un caso concreto, atopámonos con que unha familia que ten un consumo medio de 8,5 m3 ao mes pasará de pagar un importe aproximado de 6 euros a pagar 7,65 euros, máis dun 1,65 euros ao mes, un total de 19,80 euros ao ano.

Só se lle diminúe o prezo ao 13% das persoas subscritoras

Só hai unha diminución real da factura no caso das persoas que teñen contratado 2,5 m3/h, mais estas persoas representan só o 12% do total dos subscritores. Así, ao 12% dos consumidores de auga diminuiralles a taxa fixa duns 7,44 euros ao mes a uns 5,76 euros ao mes, un 23%. Tamén se lles baixa a taxa variábel, do 0,1745 euros/m3 a 0,1693, un 12%.

Ademais, o Goberno municipal rebáixalle a tarifa nun 1% ás persoas subscritoras de 3,5 m3/h ou máis, que só representan ao 1% dos clientes.

Unha nova taxa de xestión de 12 euros para as altas

A todo isto, hai que engadirlle a nova taxa de xestión de 12 euros, creada polo Goberno municipal para gravar máis ás persoas que se dean de alta no servizo.

Este roubo á cidadanía ten por obxecto darlle máis beneficios a Emalcsa, 2 millóns de euros con esta suba, por conta dos subscritores

Á vista destes datos, Carril salientou que dos aproximadamente 120.000 subscritores da auga, uns 104.000 sufrirán un encarecemento da factura mensual dun 127%, o que se traduce nun incremento de facturación anual global para Emalcsa de, aproximadamente, 2 millóns de euros, "2 millóns de euros de beneficio a costa da cidadanía".

"Este roubo do Goberno municipal ao peto da cidadanía ten por obxecto darlles máis beneficios a Emalcsa por conta dos subscritores", apuntou. Lembrou Carril que os traballadores e traballadoras da empresa son tamén parte prexudicada, xa que ao seu salario non se lle fai o incremento que corresponde por convenio desde o 2010. E isto, a pesar dos constantes beneficios de Emalcsa. "A empresa de augas municipais debería ter as contas equilibradas e destinar os beneficios á mellora do servizo á cidadanía e non a destinalos a fins que escapan ao control público", advertiu.

A lei obriga que as taxas dun servizo municipal, como a auga, cubran só os custos de explotación do servizo, pero non máis

Carril puxo de manifesto que Emlacsa é unha fonte extraordinaria de beneficios, resultado, basicamente, dun beneficio de explotación (o sobre-custo do servizo) que paga a cidadanía coruñesa e os concellos clientes. Subliñou ao respecto que a lei obriga a que as taxas municipais dun servizo municipal, como o da auga e abastecemento, deben cubrir os custos de explotación do servizo pero non máis.

Lei 8/1989, de 13 de abril, de Tasas e Prezos Públicos :

-art. 7 : "Las tasas tenderán a cubrir el coste del servicio o de la actividad que constituya su hecho imponible".

- art. 19 : "2.En general y con arreglo a lo previsto en el párrafo siguiente, el importe de las tasas por la prestación de un servicio o por la realización de una actividad no podrá exceder, en su conjunto, del coste real o previsible del servicio o actividad de que se trate o, en su defecto, del valor de la prestación recibida. 3. Para la determinación de dicho importe se tomarán en consideración los costes directos e indirectos, inclusive los de carácter financiero, amortización del inmovilizado y, en su caso, los necesarios para garantizar el mantenimiento y un desarrollo razonable del servicio o actividad por cuya prestación o realización se exige la tasa, todo ello con independencia del presupuesto con cargo al cual se satisfagan".

Pero a realidade é que a cidadanía coruñesa está a pagar un sobre-prezo sobre o custo real do servizo, o que se evidencia no espectacular resultado de explotación de Emalcsa e o seu incremento progresivo ao longo dos anos.

Carril expuxo que "os resultados de explotación de Emalcsa medran exponecialmente, e co incremento de tarifas aprobado agora, aínda máis para o 2013". Así, cos beneficios obtidos fináncianse tanto parte do propio orzamento do Concello como outros servizos e contratacións externalizados polo Goberno municipal (Coruña Futura, Smart City, etc) que, dese xeito, escapan ao control municipal polo Pleno e polos grupos municipais, lamentou. Na mesma liña, afirmou que a externalización do servizo de abastecemento e sumidoiro, cuxa xestión asume Emalcsa, "disfraza" o incremento da presión fiscal e o propio resultado económico do servizo, ao estar contabilizado por Emalcsa.

A xente de 1,5 m3/h carece da posibilidade de ter o caudal de 2,5 m3/h por limitacións técnicas

Por ultimo, Carril puxo de manifesto que o contador que ten a xente de 1,5 m3/h carece da posibilidade de dar o caudal de 2,5 m3/h por limitacións técnicas. É imposíbel dar 2,5 m3/h nun contador de 1,5m3/h porque o diámetro do paso da auga é menor. A limitación do caudal nominal está no diametro do contador, xa que por imposibilidade física non poden dar o mesmo caudal con diametro inferior

O portavoz nacionalista chamou a cidadanía a rebelarse contra este roubo e anunciou unha campaña de información para que os coruñeses e coruñesas sexan conscientes de que o Goberno municipal considera a auga un ben de luxo e para, así, evitar este encarecemento.

 

 

Carril denuncia o roubo do PP coa suba da auga e critica que a trate como un ben de luxo