O BNG denuncia a estafa da auga e vota en contra da suba dos impostos e dos prezos públicos
A Coruña, 5 de novembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG votou esta mañá en contra da aprobación inicial da modificación das ordenanzas fiscais e de prezos públicos, unhas ordenanzas socialmente inxustas que lle incrementan a presión fiscal á cidadanía, facendo que perda poder adquisitivo como consecuencia das políticas de austeridade e de encarecemento da vida do, unhas políticas que son de asfixia social, tal e como afirmou o portavoz nacionalista, Xosé Manuel Carril. Nesta liña, cualificou a política fiscal do Sr. Negreira de austeridade e maior carga fiscal para as maiorías (o caso da estafa do recibo da auga é unha evidencia) e de premios e agarimos aos que máis teñen (o caso da conxelación de impostos á Autoridade Portuaria é outra evidencia).
O 87% da cidadanía verase tremendamente afectado pola suba da auga
En primeiro lugar, Carril denunciou a estafa da auga, un ben de primeirísima necesidade: o recibo da auga vai subir, dados os cambios na cota fixa da tarifa a pagar; dada a taxa de 12 euros por dar de alta o servizo -que hai que sumarlle agora á fianza que hai que pagar- e dada a suba considerábel do servizo de sumidoiros, que se duplica, e de depuración, que aumenta un 460%.
Carril puxo de manifesto que en virtude dos cambios na ordenanza fiscal número 5, as familias que antes estaban nun caudal de 1,5 metros cúbicos ou inferior van ter que pagar máis, ao pasaren de 4,07 euros a 5,76 euros ao mes, un incremento do 127%. É certo que as familias que estaban antes en 2,5 metros cúbicos/h pagaban 7,44 euros e agora pagarán 5,76, pero hai que ter en conta que son numericamente menores que as familias que están nun caudal de 1,5 metros cúbicos, que son as que van ter que pagar máis, advertiu, e criticou a trampa e a manipulación do Goberno Local xogando coa taxa fixa de dispoñibilidade e coa taxa variábel. Así, sinalou que do número total aproximado de subscritores do parque de auga, que é duns 120.000, o 87% son familias de taxa fixa de dispoñibilidade anterior de 1,5 metros cúbicos. Estas, que son a maioría, sofren un incremento de factura mensual do 127%, resultando un incremento da facturación anual total global das taxas de aproximadamente 2 millóns de euros.
Tamén revelou que as familias de taxa fixa de dispoñibilidade de 2,5 metros cúbicos representan un 12% dos 120.000 subscritores e son as únicas beneficiadas con rebaixas nas taxas fixas de dispoñibilidade variábel de máis dun 23 por cento, de modo que o que se deixa de cobrar vese compensado con creces por conta das familias que antes estaban en 1,5 metros cúbicos. E o 1 por cento restante correspóndese cos de 3,5 metros cúbicos, que tamén van ver diminuída a su factura nun 1 por cento.
Pola outra banda, Carril deu conta dos cambios da ordenanza reguladora da taxa por prestación de servizos relacionados con animais de compañía. Puxo de manifesto a suba dalgunhas tarifas (incineración de animais en función do peso, entre outras moitas) e advertiu doutras novas tarifas por servizos polos que antes non se cobraba (entrega de camadas, adopcións, implantacións de microchips, vacinas e tramitación de cambio de propietarios), de modo que as persoas que teñan animais terán que asumir maiores custes. Tamén aludiu ás subas da tarifa por cota na piscina de Santo Amaro, das tarifas no complexo deportivo municipal de San Diego e no campo de golf da Torre.
Carril puxo de manifesto na súa intervención sinalou que o Goberno municipal non sempre mente. É certo que hai conxelación, é certo que, mentres lle acrecenta a presión fiscal ás familias, o Goberno do Sr. Negreira conxélalle o IBI á Autoridade Portuaria e ás súas concesionarias, entre elas, Copasa, afirmou. Fronte á suba do IBI ás familias, o Goberno municipal conxélalle o IBI á Autoridade Portuaria, e isto malia os 17,3 millóns de euros en beneficios. Esta conxelación suporá que o Concello deixe de ingresar no 2013 1.096.305 euros, explicou o nacionalista.
Xa que gostan tanto das comparacións, comparemos o prezo das hortas urbanas da Coruña, 50 euros por cota de inscripción e 25 euros mensuais, coas de Santiago, que son de balde
No que ten a ver coas ordenanzas de prezos públicos, o portavoz nacionalista deu conta dunha nova tarifa para a utilización das hortas urbanas de titularidade municipal. Malia aprobarse en Pleno a necesidade de poñer en valor e uso terreos para hortas urbanas, o Goberno municipal non só contempla que a súa xestión sexa privada en réxime de concesión senón que tamén vai cobrar polo seu uso. Deste xeito, haberá que pagar unha cota de inscripción de 50 euros e unha cota mensual de 25 euros ao mes pola súa utilización, criticou. A este respecto, expúxolle ao Goberno municipal que xa que son tan dados ás comparacións, comparemos as tarifas das hortas urbanas da Coruña (50 euros de inscripción e 25 euros mensuais) coas de Santiago de Compostela, de balde.
Ademais de advertir do incremento de todas as tarifas relacionadas coa prestación de servizos e utilización de instalacións de titularidade municipal xestionadas polo IMCE, como o uso do Coliseum, Teatro Rosalía, salas de cine, Ágora, Fórum... Carril denunciou que o Goberno municipal incrementa nun 1,5% as tarifas do subministro de auga potábel dos municipios da área da Coruña.
O BNG propón favorecer os colectivos máis afogados pola crise, como persoas desempregadas e pensionistas, e que se teña en conta a capacidade económica e social cidadanía
Por último, Carril salientou que fronte á política fiscal do Goberno municipal, claramente antisocial, o BNG propón favorecer os colectivos máis afogados pola crise e que se teña en conta a capacidade económica e social cidadanía. Así, na mesma liña que no pasado ano, o portavoz do BNG propuxo reducirlle a carga tributaria do IBI e do Imposto sobre o Incremento de Valor dos Terreos de Natureza Urbana ás persoas desempregadas e pensionistas, ás persoas con discapacidade, así como ás familias numerosas (novo concepto de familias numerosas), ás parellas de feito, ás persoas titulares de estabelecementos de pequeno comercio e ás persoas titulares de terreos urbanos que carecen de dotación e servizos de auga e saneamento.
No que respecta ás ordenanzas de prezos públicos, propuxo que se teñan en conta as persoas desempregadas e persoas perceptoras de pensións na súa contía mínima, mediante a aplicación de tarifas reducidas e de cotas cero e suprimir o cobro por matrimonios civís realizados no Concello da Coruña.