Carril denuncia nas alegacións do BNG as chapuzadas do PP no Parrote
A Coruña, 5 de setembro de 2012.- "A xestión do PP no Concello da Coruña parécese, cada vez máis, ás viñetas de Francisco Ibáñez, con Pepe Gotera y Otilio, chapuzas a domicilio". Así ilustrou o portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, o serial de despropósitos do Goberno do Sr. Negreira no que respecta ao Parrote e ao PXOM.
Esta mañá, en rolda de prensa, o nacionalista presentou as alegacións do BNG tanto á modificación do Plan especial de ordenación da zona de servizo do porto (promovido pola Autoridade Portuaria) como ao Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións da zona da Mariña e O Parrote (promovido polo Concello), documentos que poñen de manifesto as chapuzadas do PP no proxecto do Parrote.
Alegacións á Modificación do Plan Especial de Ordenación da Zona de Servizo do Porto
A primeira das alegacións presentadas polo BNG respecto desta modificación reclama solventar as contradicións co Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións da zona da Mariña e O Parrote, malia tramitérense ambos os documentos ao mesmo tempo. Carril salientou na rolda de prensa tres importantes contradicións que deberían desaparecer: a relacionada cos usos que se lle dan aos baixos do Parrote (o documento da Autoridade Portuaria recoñece usos terciarios e o documento do Concello só recoñece usos culturais); a relacionada cos aparcadoiros e viarios da Solana (o documento da Autoridade Portuaria só contempla o viario soterrado e tres carrís en dirección ao Castelo de Santo Antón, mentres que no documento do Concello se mantén parte do viario en superficie e dous carrís en dupla dirección) e a que ten relación coa conexión do tranvía polo Parrote (contemplada no documento da Autoridade Portuaria e sobre a que nada di o documento do Concello).
A segunda das alegacións do BNG propón corrixir o incumprimento da dotación mínima legal de prazas de aparcadoiro de vehículos en superficie, xa que o documento incumpre a dotación mínima de prazas en superficie, libres e de balde na zona do Parrote, que figuraba na normativa do Plan Especial Vixente (actualmente, un mínimo de 1 praza por cada 50 metros de superficie edificada aberta ao público).
A terceira das alegacións denuncia o incorrecto cómputo da edificabilidade, xa que non contempla a superficie realmente construída e computábel do complexo de ocio e Palexco (que excede dos 22.000 m2 do ED do 2005, tal e como acredita a sentenza do TSXG de 18 de abril de 2007) nin computa a nova estación marítima, xa construída de xeito ilegal (porque non reúne as características para poder ser considerada como desmontábel).
Estas tres non son as únicas alegacións presentadas polo BNG á modificación deste plan especial de ordenación, os nacionalistas recollen noutro grande apartado alegacións relativas, entre outras, á legalización do Nemo, aos restos do baluarte ou á desprotección da verxa perimetral do porto.
Alegacións ao Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións da zona da Mariña e O Parrote
Na primeira das alegacións ao Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións da zona da Mariña e O Parrote, ao igual que no caso anterior, os nacionalistas fan fincapé nas contradicións que reflicten ambos os documentos.
Na segunda alegación, o BNG advirte de que os baixos do Parrote están incluídos dentro da zona de servizo do porto, polo que deberían ser excluídos no ámbito deste plan especial.
Na terceira alegación, o BNG alerta da nulidade do plan por falta de xustificación de recursos económicos para a súa execución, tal e como dita a normativa. Ademais, lembra Carril que o custo é superior ao 14.456.041 euros pola incorrecta aplicación do IVE, que non figura actualizado. Por último, a cuarta alegación, refírese á inclusión das galerías e xardíns da Mariña dentro do contorno de protección.
Outra mostra da chapuza do Goberno local: o documento do PXOM colgado na web non é o aprobado en Pleno
Na rolda de prensa, Carril tamén deu conta da nova chapuza do Goberno local en relación ao PXOM. E é que, tal e como denunciou o BNG no día de onte, o Goberno local colgou na páxina web do Concello un documento erróneo, xa que non se incorporaron as modificacións aprobadas en Pleno.
O portavoz nacionalista lembrou que neste Pleno foi aprobado o informe municipal, que recollía unha serie de erros sobre planos e fichas a corrixir. Porén, estes erros non foron incorporados ao documento que figura na web. Advertiu Carril de que na súa intervención en Pleno a concelleira nacionalista Ermitas Valencia xa manifestara que o documento que se aprobaba non incorporaba estas correccións.
Ademais, Carril sinalou en rolda de prensa que descoñece se a documentación remitida polo Concello á Xunta de Galiza para a aprobación definitiva do PXOM é a que recolle a web, porque de ser así, afirmou, debería remitírselle o novo documento, coas correccións aprobadas en Pleno.
O portavoz do Grupo Municipal do BNG envioulle estas observacións ao alcalde da Coruña nun escrito oficial en que solicita que se retire da web o documento do PXOM e que sexa substituído polo documento que incorpore as correccións. Tamén pide, de ser o caso, remitirlle á Xunta de Galiza o documento corrixido.