PARTICIPACIÓN CIDADÁ
Cando se poderán comezar a solicitar o uso de locais municipais?
Preguntamos sobre os procedementos que o Goberno municipal indicou que se elaborarían para o acceso aos usos dos locais municipais
Despois de se anunciar no Pleno do 9 de xaneiro que o inventario de locais municipais xa estaba concluído, preguntamos se son necesarios oito meses para proceder a elaborar uns procedementos para que a veciñanza, entidades, asociacións, grupos e mesmo particulares poidan solicitar de xeito regulado a utilización de dependencias municipais
Tamén cremos necesario saber en que medida afectarán estes procedementos aos usos que hoxe en día xa se están facendo por entidades e asociacións dalgúns espazos municipais e se estas entidades terán que se adaptar a eses procedementos novos ou se manterán os convenios, de houber, asinados con anterioridade
Vimos de presentar unha serie de preguntas (podes velas premendo aquí) para a súa resposta por escrito para o vindeiro Pleno ordinario de setembro nas que nos interesamos pola elaboración dos procedementos de acceso ao uso de locais municipais, procedementos anunciados polo Goberno municipal no seu momento, e que se elaborarían para o acceso ordenado das instalacións obxecto da creación do censo de instalacións municipais que o propio Executivo anunciaba que realizaría a comezo de mandato.
Así, na nosa iniciativa lembramos que no Pleno do Concello da Coruña con data 9 de xaneiro de 2017, e tras formularlle ao Goberno local pregunta para a súa resposta oral a respecto da elaboración dese censo, a concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, informábanos que xa estaba elaborado e perfectamente ordenado e inventariado nun documento de traballo interno.
Do mesmo xeito, a concelleira nese Pleno anunciaba que o documento se ía facer público para que a cidadanía puidera acceder a el e solicitar o emprego deses locais, e que desde o Goberno se estaba a traballar nun «novo modelo de xestión de usos públicos», onde se establecerían os procedementos necesarios e unhas regras para que a veciñanza, entidades, asociacións, grupos e mesmo particulares puideran solicitar de xeito regulado a utilización, de xeito temporal, ou permanente, de calquera destes espazos. Pois ben, despois deste tempo preguntámonos se son necesarios oito meses para proceder a elaborar uns procedementos para que se poida solicitar de xeito regulado a utilización de dependencias municipais.
Asemade, na batería de preguntas que trasladamos tamén preguntamos sobre os prazos que manexa o Executivo para poñer en práctica estes procedementos e solicitamos o acceso aos mesmos para poder traballar sobre eles e facer as achegas, as propostas e as consideracións oportunas, se procedese.
Tamén cremos necesario saber en que medida afectarán estes procedementos aos usos que hoxe en día xa se están facendo por entidades e asociacións dalgúns destes espazos municipais e se estas entidades terán que se adaptar a eses procedementos novos ou se se manterán os convenios asinados con anterioridade, de houber.
A Coruña, 9 de agosto de 2017.