SERVIZOS DO ESTADO
Falta de persoal das oficinas de denuncias da avenida do Porto e Lonzas
Recibimos queixas de persoas usuarias de demoras de até 3 horas e media na oficina do Porto da policía do Estado para poder efectuar denuncias
A veciñanza tamén nos trasladou a situación do cuartel de Lonzas no que non recollen denuncias ao estar colapsado o servizo administrativo
Vimos de advertir do colapso nas dependencias administrativas da policía do Estado na cidade da Coruña despois de recibir numerosas queixas da veciñanza a respecto da atención tanto nas oficinas da avenida do Porto como no cuartel de Lonzas.
Deste xeito, varias persoas que se teñen achegado a ambas dependencias durante a semana pasada e no que vai da actual sufriron demoras de até tres horas e media na presentación de denuncias ou mesmo non puideron chegar a presentalas no cuartel de Lonzas ao estar colapsado o servizo administrativo, atendendo a outras funcións.
Recollemos todas estas demandas da veciñanza despois de que tiveran que presentar algunha denuncia nos últimos días e se tiver que desprazar as dependencias policiais, atopándose coa situación de non poder ser atendidos até pasadas varias horas desde a súa chegada ás dependencias policiais, ou mesmo non poder selo, convidándolle a presentarse o día seguinte, ou no caso de Lonzas, convidándolles a se desprazar á oficina da avenida do Porto.
Mesmo o persoal que atende a estas persoas anima as persoas que necesitan empregar os servizos da policía do Estado a presentar a correspondente folla de reclamacións pola precariedade na que están a traballar durante estes dias.
Na actualidade o persoal que está a prestar os servizos nas oficinas de denuncias da avenida do Porto e no cuartel de Lonzas sitúase por debaixo do 50% do persoal necesario para a prestación do servizo xa que logo non se están a cubrir nin as baixas nin os períodos de vacacións, polo que a situación de colapso nestas oficinas, mentres non se doten de máis persoal, seguirá persistindo durante as vindeiras datas.
A Coruña, 8 de agosto de 2017.