Cando pensa o alcalde convocar a comisión para a reforma do ROM e do ROPC?
A Coruña, 4 de maio de 2016.- O Grupo Municipal do BNG vén de denunciar esta mañá que xa hai dúas semanas que presentou por rexistro unha solicitude na que se instaba ao alcalde a convocar a comisión especial de reforma do ROM e ROPC e da que aínda non se recibiu resposta.
O BNG pregúntase canto máis hai que agardar para que o alcalde convoque a comisión especial de reforma do ROM e ROPC para comezar a traballar na mellora do funcionamento das Comisións e do Pleno mais tamén para comezar a traballar no deseño dunha participación veciñal real
Neste sentido, as nacionalistas indican que esta comisión só foi convocada para a súa constitución, o día 3 de febreiro de 2016, e que nada se sabe sobre próximas convocatorias, se se está desenvolvendo algún tipo de traballo ou proposta, e menos aínda, non se compartiu calquera documento cos demais grupos da oposición a respecto da reforma destes regulamentos.
O Grupo Municipal do BNG presentou o pasado 19 de abril solicitude de convocatoria desta comisión que aínda non foi contestada
O Bloque, vendo que non había nin o máis mínimo aceno para avanzar nas reformas de ambos os regulamentos, decidiuse a rexistrar o 19 de abril unha iniciativa na que lle solicitabamos ao Sr. Ferreiro que convocase á maior brevidade posíbel esta comisión para comezar traballar na mellora do funcionamento das Comisións e do Pleno mais tamén para comezar a traballar no deseño dunha participación veciñal real.
A propia existencia da comisión de reforma destes regulamentos ten orixe no acordo de organización asinado o 20 xullo de 2015 e aprobado en Pleno o 23 do mesmo mes. Tivemos que agardar sete meses desde esta data até a constitución desta comisión, agardemos non ter que agardar sete meses máis para poñernos a traballar dunha vez para mellorar o funcionamento do Pleno e das comisións informativas facendo estas xuntanzas máis operativas e adaptalas á situación actual, coa modificación do ROM, mais tamén darlle un pulo ao deseño dunha mellor e maior participación veciñal nos asuntos públicos, a través da modificación do actual ROPC, sinala Avia Veira.
A formación nacionalista salienta como moi importante poñernos xa con isto porque é necesario modificar estas normativas para poñelas en práctica o antes posíbel, tendo en conta que vai practicamente un ano desde que o actual Goberno tomou posesión, e son dúas ferramentas precisas para o día a día da vida do Concello.
Avia Veira: A participación da veciñanza implica reciprocidade: preguntámonos onde se dá conta das achegas das persoas que participan dos actos que realiza o concello, se estas suxestións están sendo tomadas en conta ou simplemente esquécense despois de ser expostas, como está a acontecer co escano cidadá; escoitar está moi ben, mais resolver os problemas da xente está mellor
Así mesmo, desde o BNG da Coruña sinalan que esta reforma do ROPC podería servir mesmo para garantir que a participación da veciñanza sexa recíproca e que as achegas das persoas que participan dos actos que realiza o Concello sexan tomadas en conta, mais tamén para que a xente poida participar dos asuntos públicos, reforzando o papel e a importancia do movemento asociativo na cidade.