O BNG presenta unha moción no Pleno para pedir a oficialidade das seleccións galegas

Selección galega feminina de fútbol
O BNG presenta unha moción no Pleno para pedir a oficialidade das seleccións galegas

A Coruña, 3 de maio de 2016.- O Grupo Municipal do BNG vén de presentar hoxe a mañá unha moción para que o Pleno da Coruña solicite do Goberno do Estado o realizar as actuacións precisas para que as seleccións deportivas galegas reciban recoñecemento internacional.

O BNG presenta unha moción na que solicita ao Pleno do Concello que inste ao Goberno do Estado o recoñecemento das seleccións deportivas galegas para competicións internacionais

Acto público de reivindicación das seleccións deportivas convocado polo BNG

Esta iniciativa coincide coa celebración, o vindeiro venres 20 de maio no estadio de Riazor, despois de máis sete anos desde o último enfrontamento disputado o 27 de decembro de 2008, do encontro amigábel de fútbol que disputará a selección da Galiza coa selección de Venezuela.

Para as nacionalistas, intervir e competir no plano estatal e internacional dos combinados deportivos galegos, en representación das respectivas federacións deportivas galegas, como xa o fan as representacións deportivas doutras nacións europeas, permitiría o pleno desenvolvemento do deporte galego.

O BNG, co gallo da celebración do partido de fútbol amigábel entre as seleccións de Venezuela e Galiza previsto para o vindeiro día 20 en Riazor, presenta esta iniciativa co “obxecto de romper complexos, de terminar coas visións pechadas que non se corresponden cos tempos que vivimos e superar esquemas políticos doutros tempos”

Deste xeito, o BNG argumenta que a prohibición da presenza internacional das seleccións deportivas de Galiza carece de base constitucional algunha e é, simplemente, resultado dun esquema político centralista, de dubidoso encaixe coa competencia exclusiva asumida por Galiza en materia de «promoción deportiva e adecuada utilización do lecer» (art. 27.22 do Estatuto de Autonomía de Galiza).

Selección galega feminina de fútbol

Asemade, continúa o Bloque, doutra banda, a exclusividade reclamada polo Estado en materia de presenza e organización de competicións deportivas internacionais non pode ampararse na competencia estatal en materia de «relacións internacionais»  dado que esta se circunscribe á representación diplomática e consular, e ao poder de obrigar internacionalmente ao Estado a través de tratados ou convenios internacionais: ningunha destas dúas potestades é invadida si a selección galega participa, en representación da correspondente federación deportiva, en competicións de ámbito estatal ou internacional.

Neste sentido, o Grupo Municipal do BNG indica que a presenza dunha única selección deportiva por cada Estado non é unha norma obrigatoria a nivel internacional. “Ao contrario, en diversos Estados constátase a existencia de distintas seleccións nacionais, en consonancia co seu carácter plurinacional. Esta circunstancia está especialmente asumida no ámbito da Unión Europea, onde o Parlamento Europeo aprobou a incorporación dun novo Considerando ao Proxecto de Decisión do Consello relativa á seguridade nos partidos de fútbol de dimensión internacional que facía expresa referencia á presenza a nivel internacional de seleccións nacionais das entidades nacionais dos Estados membros: «Os equipos de fútbol nacionais non representan necesariamente ás mesmas entidades nacionais que representan os Estados membros, e deberían terse en conta as distintas tradicións e culturas futbolísticas existentes naqueles Estados membros representados no fútbol internacional por máis dun equipo nacional»” sinalan as nacionalistas.

Con todo, insiste o BNG, desde a Administración central mantívose desde sempre unha posición contraria a que as federacións deportivas galegas (xunto coas doutras nacións do estado, as catalás e as vascas) teñan presenza nas competicións internacionais, tanto en deportes nos que non exista Federación española ou coexistindo coa Federación española nos deportes nos que está presente.

Avia Veira: “Non se trata dunha demanda surrealista nin ilóxica posto que se puxo en práctica noutros estados. Galiza ten dereito a dispoñer da súa propia selección nacional como nacionalidade histórica que é. A actitude dunha democracia avanzada e madura é a do respecto e convivencia libre con realidades nacionais existentes no propio Estado español.

Acto reclamando a oficialidade das seleccións galegas

“Galiza ten dereito a dispoñer da súa propia selección nacional como nacionalidade histórica que é. A actitude dunha democracia avanzada e madura é a do respecto e convivencia libre con realidades nacionais existentes no propio Estado español. Restrinxir, coaccionar ou sancionar, como no caso dos deportistas aos que se ameazou coa retirada da licenza federativa en caso de negarse a xogar coa selección española, non é o camiño que debe seguirse” asegura a concelleira nacionalista Avia Veira.

É por iso que o Bloque presenta esta moción na que se solicita do Pleno do Concello o instar ao Goberno do Estado a permitir e realizar as actuacións precisas para que as seleccións deportivas galegas reciban recoñecemento internacional a través da súa integración nas competicións internacionais que as administracións deportivas galegas consideren oportunas e a acometer as modificacións normativas necesarias para permitir ás seleccións deportivas galegas competir internacionalmente.

Igualmente, o BNG solicita que o Pleno demande á Xunta que apoie e facilite a posibilidade de que as federacións galegas de deporte se integren directamente nas entidades internacionais competentes e adopte as actuacións necesarias para que as seleccións nacionais galegas das diferentes modalidades deportivas reciban respaldo internacional.

“É xa o momento de romper complexos, de terminar coas visións pechadas que non se corresponden cos tempos que vivimos e superar esquemas políticos doutros tempos. Consiste en definitiva, en dar normalidade democrática ao mundo do deporte. Non hai nada negativo en impulsar a presenza do deporte galego no ámbito internacional, potenciando así as seleccións nacionais e que sexan ditas federacións as que representen o deporte de Galiza. Non se trata dunha demanda surrealista nin ilóxica posto que se puxo en práctica noutros estados”, conclúe Avia Veira.

 

Preme aquí para ver a iniciativa

O BNG presenta unha moción no Pleno para pedir a oficialidade das seleccións galegas