UNHA INICIATIVA DE FRANCISCO JORQUERA APÓS A CAÍDA DE CASCALLOS DUN EDIFICIO DE SANTA LUCÍA
Nova proba de que se precisa un inventario de inmóbeis abandonados
Entre outras cuestións, o voceiro nacionalista inquire o Goberno Local se dispón, ou pensa dispor, dun plan específico para os edificios en ruína e se vai elaborar un inventario de inmóbeis e soares abandonados.
A xuízo do BNG, o Goberno Local debería recorrer á fórmula da expropiación, tal e como lle permite a lei e mesmo a ordenanza municipal, cando as persoas propietarias non cumpran coas súas obrigas de mantemento dos soares ou edificios.
Canto ao incidente concreto ocorrido na rúa Santa Lucía, Jorquera pregúntalle ao Goberno Local que disponibilidade viu nos propietarios do inmóbel á hora de afrontar os traballos precisos para asegurar a estabilidade do edificio. “Coñecía o Concello a súa identidade? Figuraban en algún rexistro como propietarios? Foi doada a súa identificación?”, inquire o portavoz do BNG.
Na exposición de motivos desta iniciativa, Jorquera indica que, de acordo con datos dun estudo impulsado pola UDC e que se deu a coñecer en 2018, na nosa cidade existen 460 edificios abandonados e 188 en ruínas. Estudos publicados en 2019 apuntan que máis de 20% dos inmóbeis úteis (máis de 20.000 vivendas) na cidade e na súa contorna están baleiros, a maior parte deles nunha situación de abandono.
Cumpriría por tanto trazar liñas de actuación desde o Concello para abordar este problema de forma integral, remarca o voceiro nacionalista.