Bravo remítelle un escrito ao alcalde para pedirlle que sente a dialogar coa veciñanza da Gaiteira
A Coruña, 18 de decembro de 2012.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo dirixiuse nun escrito ao alcalde que sente a dialogar coa A VV Oza-A Gaiteira-Os Castros, que lle devolva a pancarta incautada a esta asociación e que deixe de utilizar a policía local e os bombeiros con fins partidistas. Estas peticións xurdiron despois de que o Goberno municipal enviara unha brigada da policía local e de bombeiros para retirar unha faixa que esta entidade veciñal colocara na Gaiteira e que dicía "A rúa é da veciñanza, non á mediana da Gaiteira". Ademais de retirarlles a pancarta, o Goberno municipal opúxose a devolverlla.
Bravo sinala no escrito que "a argumentación utilizada polo Concello de que a faixa contravén a Normativa Municipal non parece sustentarse xa que é a mesma normativa que de forma habitual se obvia cando o que se está anunciando son os Centros Comerciais instalados no Concello, as actividades promovidas pola administración municipal ou cando se informa de asuntos sen repercusión social como as sabas penduradas na vía pública celebrando que proximamente haberá un casamento". "O Concello persegue un resultado claro de intimidación e de limitación da liberdade de expresión e non outros relacionados coa estética ou protección do medio ambiente", engade.
A edila do BNG indica que "nunha sociedade moderna e que presume de democrática, non se pode permitir a utilización subterfuxios legais para limitar a iniciativa social e a liberdade de expresión" e pon de manifesto que "o Goberno municipal ten que explicar cales son os condicionantes que xustifican retirar unha faixa que pon "A rúa para a veciñanza, NON á mediana de Gaiteira" e permite manter outra que pon " O cásase" ou " Vota Feijóo dous meses despois das eleccións".
Ademais, Bravo alude á data elixida polo Goberno municipal para retirar a pancarta da veciñanza, o 6 de decembro, "lembremos que a Constitución do Estado Español promove a participación de todos os cidadáns na vida política, económica, cultural e social ao mesmo tempo que protexe a Liberdade de Expresión, rexeita a discriminación por motivos ideolóxicos e esixe igualdade ante a Lei. Lembra Bravo que o Artigo 20.1 da cnstitución española recoñece e protexe o dereito a A expresar e difundir libremente os pensamentos, ideas e opinións mediante a palabra, o escrito ou calquera outro medio de reprodución e o Artigo 20.5 sinala que só poderá acordarse o secuestro de publicacións, gravacións e outros medios de información en virtude de resolución xudicial.
"Lamentabelemente, parece que moitas deses dereitos protexidos pola máxima norma do Estado español quedan sen efectos ante a actuación deste Goberno municipal no Concello da Coruña", conclúe Bravo no escrito.