Veira: "Participación non é sacar a foto c@s veciñ@s e presentar os orzamentos a feitos consumados"
A Coruña, 17 de decembro de 2012.- A concelleira do BNG Avia Veira advírtelle ao Sr. Negreira de que a participación non consiste en sacar unha foto con responsábeis das asociacións veciñais da cidade nin de recibilos para lles falar dos orzamentos municipais e das concelleiras de barrio. "Se crese na participación, o Goberno municipal debería favorecer uns orzamentos participativos e non presentarllos ao tecido veciñal da cidade como feitos consumados, cando xa nin sequera se poden presentar alegacións. Esta é a democracia do Sr. Negreira", sinala.
A nacionalista considera que "neste ano e medio podemos concluír que o modelo das concellarías de barrio é inoperativo e ineficaz, porque non responden ás necesidades da veciñanza". Lembra Veira a negativa do alcalde a se reunir con asociacións tan emblemáticas como a A VV do Castrillón IAR ou a renuncia do Goberno municipal a participar en conferencias organizadas por esta entidade veciñal ou a retirada da pancarta dos veciños e veciñas da Gaiteira que tiña como lema "A rúa é da veciñanza, non á mediana da Gaiteira".
O Grupo Municipal do BNG considera que a cidadanía debe ser a protagonista, e non as concelleiras de barrio e aposta por que o Goberno do Sr. Negreira estabeleza mecanismos directos de participación da veciñanza na vida municipal. Pon como exemplo Veira a elaboracións duns orzamentos participativos, unha proposta que o BNG recolleu no programa co que concorreu ás eleccións municipais.
Por último, Veira propón afortalar o movemento social organizado e por corresponsabilizar a cidadanía, co fin de converter o Concello nunha institución ao servizo do pobo. "Só cunha participación real da veciñanza será posíbel avanzar nunha acción de goberno realmente transformadora", conclúe.