Bravo alerta sobre a supresión da atención social nos barrios da cidade
A Coruña, 22 de maio de 2013.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo denunciou esta mañá, en rolda de prensa, un novo paso do Goberno municipal na súa cruzada contra os servizos sociais públicos: o desmantelamento dos servizos sociais comunitarios básicos nos centros cívicos da cidade e a desaparición da persoa profesional de referencia, unha modificación que vai marcar un antes e un despois nos servizos sociais da Coruña, camiñando no sentido contrario do que indican as persoas expertas e a lexislación. Bravo acusou o Goberno do Sr. Negreira de retornar a modelos asistencialistas e de beneficencia baseados na rendibilidade económica e de deixar á marxe a rendibilidade social e as necesidades das persoas máis desfavorecidas.
Con esta restruturación, o Goberno do Sr. Negreira elimina o principio de descentralización e de proximidade dos servizos sociais. E é que os servizos que até o agora se prestaban nos centros cívicos foron centralizados en só tres puntos da cidade en que están repartidas as 25 traballadoras: Monte Alto, Ágora e Catro Camiños. En lugar de levar a atención social cara as persoas, o Partido Popular afasta os servizos sociais de quen os precisan, alertou a concelleira do BNG.
Nesta liña, María Xosé Bravo puxo de manifesto que o Goberno municipal elimina a profesional de referencia que moitas veces tiña a veciñanza nos seus centros cívicos, co importante que é tanto para as usuarias (acompañamento, persoa coa que unha pode falar ) como para o traballo social das propias profesionais (construción de itinerarios transversais e integrais continuados, constantes, desde o próximo, centrados nas persoas ). A concelleira do BNG apelou ao dereito das persoas beneficiarias dos servizos sociais a contar cun profesional de referencia, que vén ser a porta de entrada ao sistema, para orientar e acompañar en todo o proceso. A clave, salientou, é a atención integral desde a proximidade.
A lei recolle a obriga de que os servizos sociais conten coa persoa profesional de referencia
A necesidade de contar cunha profesional de referencia non é algo que defendan só as persoas expertas, os colexios profesionais e as propias traballadoras, é algo que recolle a lei, sinalou. Así, apelou ao Decreto 99/2912 polo que se regulan os servizos sociais comunitarios que, no seu artigo 4, salienta o dereito das persoas usuarias a teren asignada unha persoa profesional de referencia que actúe como interlocutora principal e que asegure a coherencia da intervención e que dedica o artigo 37 a esa profesional de referencia. O mesmo acontece coa Lei 13/2008, de 3 de decembro de Servizos Sociais de Galiza, que se refire ao longo da normativa á profesional de referencia e que mesmo dedica un artigo completo, o 24, a esta. Ademais, a concelleira do BNG sinalou que hai autonomías, como a comunidade foral de Navarra ou as Baleares, que lexislan de xeito único todo o que ten a ver co persoal de referencia.
Puxo de manifesto, ademais, que esta mudanza na área de Servizos Sociais non vai reducir as listaxes de espera. De feito, na actualidade, estanse dando citas para agosto, salientou. As traballadoras sociais atenden un bo número de persoas usuarias cada día, mais, despois, amoréanse os expedientes nas mesas ao non dispor de tempo para realizar os trámites seguintes, afirmou. Habitualmente, cada profesional que atende nove citas durante unha mañá, con tempos de atención moi xustos, e que despois carece de tempo para tramitar nada máis. En definitiva, as vías de respostas ás distintas realidades e problemáticas atrásanse, expón.
Problemas laborais: auxiliares administrativas como primeiro filtro e denegación de solicitudes de conciliación familiar
Pola outra banda, a concelleira do BNG advertiu de que a reestruturación e desmantelamento da área de Servizos Sociais está a provocar un gran malestar entre as traballadoras ao veren recortados os seus dereitos e condicións laborais. Denunciou que auxiliares administrativas están a funcionar como filtro de canalización ante unha usuaria que se achega ás dependencias sociais para solicitar unha entrevista ou un servizo, labor que non forma parte do seu traballo. E sinalou a denegación recente, por parte da Concellaría, dalgunhas peticións de conciliación laboral.
Por último, a concelleira nacionalista apelou á necesidade de cambiar o modelo reactivo do Goberno municipal, que só se dedica a actuar cando as cousas van mal, ao proactivo, xa que é fundamental priorizar as accións preventivas e o enfoque comunitario das accións, co obxectivo de actuar sobre as causas dos problemas sociais.