O BNG advirte do fracaso estrepitoso do Sergas na atención da saúde sexual e reprodutiva
A Coruña, 22 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG advirte do fracaso estrepitoso da xestión do Sergas en relación á atención da saúde sexual e reprodutiva das mulleres, fracaso relacionado co desmantelamento do Centro de Orientación Familiar (COF) do Ventorrillo. As concelleiras nacionalistas María Xosé Bravo e Avia Veira, que participaron esta mañá, xunto á responsábel comarcal de Acción Feminista do BNG, Vitoria Louro, na concentración convocada polo Grupo de Apoio aos COF contra o desmantelamento destes centros, critican a irresponsabilidade da Xunta de Galiza ao desvirtuar as tarefas do COF do Ventorrillo. Dada a presión dos movementos sociais, o Sergas contratou, de xeito temporal, unha xinecóloga que presta atención ás usuarias do centro de orientación familiar do Ventorrillo, mais no Hospital Materno-Infantil e só un día á semana, un parche inútil que lle provoca trastornos ás usuarias.
O Grupo Municipal do BNG critica que o Partido Popular bloquee o COF do Ventorrillo mentres monta a Red Madre, fundación de orientación relixiosa de máis que dubidosa profesionalidade. As nacionalistas amosan a súa total oposición a que o PP suprima a praza de Xinecoloxía mentres sostén unha rede paralela formada por colectivos con de dubidosa profesionalidade en materia de sanidade e de reprodución, como Congregación Hijas del Divino Siervo, Rebaño de María, Dignidad, Cáritas ou Residencia de las Siervas de la Pasión-Sta. Isabel.
Nesta liña, o Grupo Municipal do BNG alerta sobre a pretensión do Partido Popular de ir deixando morrer, de morte natural, os COF, á vez que potencia, por motivos ideolóxicos, a rede relixiosa. As nacionalistas amosan o seu total rexeitamento á substitución de profesionais da sanidade por entidades relixiosas que promociona a Secretaría xeral de Igualdade a través das subvencións públicas.