#PLENODECEMBRO

O BNG vota a suspensión de licenzas nas Percebeiras, mais advirte que só aprobará a modificación puntual do PXOM "se se negociar connosco"

Grupo municipal BNG Pleno Decembro
O grupo municipal, a chegar ao salón de sesións
No pleno ordinario de decembro realizado este 11D, o grupo municipal do BNG votou a favor da suspensión das licenzas nas Percebeiras, ao mesmo tempo que lle advertiu ao Goberno Local -fíxoo a concelleira Avia Veira- que só aprobará a modificación do PXOM nese ámbito “se se negociar connosco”.
O BNG vota a suspensión de licenzas nas Percebeiras, mais advirte que só aprobará a modificación puntual do PXOM "se se negociar connosco"

Veira atribuíu a suspensión das licenzas ao impulso político dado polo BNG cando, no pleno de novembro, conseguiu a aprobación dunha moción sobre As Percebeiras (co voto en contra do PP).

“Se non fose pola iniciativa do BNG no pasado Pleno, o Goberno Local seguiría sen cumprir esta parte do Acordo de Investidura”, remarcou Veira, quen na rede social X se referiría a esta cuestión nestes termos: “Hoxe grazas ao BNG, o Pleno acorda repensar o urbanismo para a zona das Percebeiras. Para protexer as vistas da Torre, gañar zonas verdes, protexendo o litoral e garantindo a harmonía coas vivendas que hai ao carón. Pensando nas causas e consecuencias do cambio climático”.

A modificación do PXOM de 2013 a respecto das Percebeiras é un dos compromisos que adquiriu o PSOE co BNG ao asinar o Acordo de Investidura que permitiu o acceso de Inés Rey á Alcaldía. A suspensión de licenzas é o paso previo.

Captura de pantalla 2024-12-11 131824
Avia Veira, durante o Pleno

Mais agora resta precisar o alcance desa modificación e a ese respecto Avia Veira dirixiu unha advertencia moi clara ao Goberno Local: “Para que a modificación puntual do PXOM teña o noso voto favorábel, ten que ser negociada connosco”.

O BNG en ningún caso apoiará “un novo convenio urbanístico negociado cos promotores”. Tampouco lle serve á formación nacionalista “ningún tipo de derivación de responsabilidades en terceiros na xestión ou ordenación do Urbanismo, ao estilo das Xubias ou Parque de Oza”, salientou.

“Aquí quen máis ordena sobre o urbanismo”, estendeuse, “e este Pleno e neste Pleno, por decisión das coruñesas e coruñeses, vostedes”, dixo dirixíndose á bancada do PSOE, “non teñen nin maioría simple”.

O BNG vota a suspensión de licenzas nas Percebeiras, mais advirte que só aprobará a modificación puntual do PXOM "se se negociar connosco"