O BNG LEVA O ASUNTO AO #PLENODECEMBRO

Veira considera "unha neglixencia" do Goberno Local que non teña licitado aínda o novo contrato do bus

Avia Veira transporte urbano bus.
Avia Veira
Que a estas alturas, cando a actual concesión remata a finais de decembro, o Goberno Local non licitase o novo contrato do transporte público urbano constitúe unha “neglixencia” e resulta dunha falta de planificación “incomprensíbel”, afirma a concelleira do BNG Avia Veira.
Veira considera "unha neglixencia" do Goberno Local que non teña licitado aínda o novo contrato do bus

A edil nacionalista vai levar este asunto ao Pleno deste mércores en forma de pregunta oral co seguinte texto: “Pode explicar o Goberno de Inés Rey o motivo polo que estamos en decembro de 2024 coa concesión do servizo de transporte colectivo de viaxeiros a uns días de caducar e sen un horizonte claro do que vai acontecer a partir do 1 de xaneiro de 2025”.

Non ten xustificación posíbel que, sabendo o Goberno Local como sabía que a concesión ía concluír en decembro, non fixese os deberes para ter o novo contrato vixente xa a 1 de xaneiro de 2025, critica Veira.

“Nin se ten acordado en Xunta de Goberno Local a continuidade do servizo nin se ten licitado o novo contrato”, denuncia Veira, para quen as consecuencias deste xeito neglixente de proceder están á vista e son padecidas acotío quer polas persoas usuarias quer polas condutoras e condutores dos buses.

“É evidente que a frota precisa de renovación, que as liñas están colapsadas e que vemos pasar diante das paraxes autobuses totalmente ateigados. Calquera mellora do servizo pasa por que se licite un novo contrato”, argúe a concelleira do BNG.

“No Pleno ímoslle facer ver ao Goberno Local as consecuencias da súa ineptitude e da súa neglixencia”, avanza Veira.

Veira considera "unha neglixencia" do Goberno Local que non teña licitado aínda o novo contrato do bus