O BNG vota en contra da política económica do PP, que leva a cidade á deriva, con máis par

O BNG vota en contra da política económica do PP, que leva a cidade á deriva, con máis par

A Coruña, 10 de setembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG votou en contra da aprobación da Conta Xeral e mais do segundo modificativo de crédito do ano, ambos os dous asuntos, resumos da política orzamentaria do PP, que, como salientaron os nacionalistas, “está a levar a cidade á deriva, mentres crea máis paro”.

Na súa intervención no asunto da orde do día respecto da conta xeral, o concelleiro Xan Caxigal aludiu ás declaracións incendiarias do Sr. Coira cando, no 2009, o anterior Goberno executara un 77 por cento do orzamento, e no 2010, un 79 por cento. “Resulta que fronte a eses 77 e 79 por cento de execución que vostedes tanto criticaron, atopámonos que, no 2011, vostedes, no goberno, executaron un 74 por cento do orzamento”, sinalou.

Explicou o nacionalista que, despois da aprobación de dous modificativos de crédito, o Goberno local pasou a dispor dun orzamento de 325,70 millóns, dos que deixou de investir na cidade 86,20 millóns. “Terán que explicarlle á cidadanía cantos postos de traballo deixaron de impulsar no 2011 con eses 86,20 millóns que lle sobraron”, apuntou. A continuación, Caxigal expuxo as partidas en que o Goberno do Sr. Negreira deixou de executar o orzamento:

 

  • 749.290 euros para acometer obras de mellora nos colexios
  • 726.000 euros para axudas á dependencia
  • 698.018 euros para obras e mellora e proxectos en instalacións deportivas
  • 481.814 euros para cursos de formación en emprego
  • 256.129 euros en promoción do emprego e da autonomía da muller
  • 189.398 euros en promoción de comercio
  • 160.000 euros en erradicación do chabolismo
  • 110.369 euros na dinamización do comercio na Agra do Orzán a través do Urbana C

 

“Explíquenlles aos coruñeses e coruñesas que lles sobraron máis de tres millóns e medio para promocionar o emprego, o comercio, o ensino público e os servizos sociais e que recortaron mais de 250.000 euros en cursos de promoción para o emprego e explíquenlles que, aínda así, non foron quen de investir os recursos económicos restantes”, apuntou.

Tamén expuxo Caxigal que o Goberno do Sr. Negreira deixou de investir en en bens e servizos á cidadanía máis de 14,5 millóns de euros. “Hai familias, entidades e institucións sen ánimo de lucro que están agardando a saber o que van facer cos 578.000 euros que deixaron de repartir en subvencións, bolsas ou convenios nominativos”, salientou. E, en transferencias de capital para erradicar o chabolismo, para actuacións en rehabilitación de vivenda, para a mellora das condicións de vida dos coruñeses e coruñesas, para a conservación do noso patrimonio construído e para a integración social, o Goberno local deixou de gastar no ano 2011 máis de 2,6 millóns.

“Como se permiten deixar de executar 86,20 millóns con 22.577 persoas no desemprego?”

A continuación, Caxigal preguntouse que diría o Goberno local de deixar sen gastar 86,20 millóns de euros cando 22.577 coruñeses e coruñesas están no paro. “De impresentábel, irresponsábel, inadmisíbel e inmoral, e desde logo unha vergoña e unha fraude masiva á cidadanía”, apuntou, a continuación, o nacionalista. “Faga memoria, Sr. Negreira, xa que así definía a situación cunha maior execución do orzamento, e noutras circunstancias socio-laborais, faga memoria, e desde logo debería actuar en consecuencia”, salientou, en relación ás palabras empregadas polo alcalde cando estaba na oposición.

Tamén se referiu o concelleiro do BNG ao innecesario plan de axuste ao que o PP someteu o Concello da Coruña de xeito unilateral. “A propia memoria  do Plan de Axuste recoñece a capacidade económica do Concello, e o interventor municipal non o ve necesario”, lembrou. “En cambio, o Sr. Negreira xerou unha débeda de 7,2 millóns que moi ben se poido afrontar o seu pagamento a través do orzamento do 2012”, subliñou. Engadiu Caxigal que á vista dos datos da Intervención e da Tesourería “o Goberno do Sr. Negreira ten uns dereitos pendentes de cobro de 20,5 millóns de euros e considérase de dubidoso cobro a cantidade de 65,7 millóns de euros”.

O BNG vota en contra da segunda modificación do orzamento de 2012 ao non contemplar as reclamacións dos nacionalistas, encamiñadas á promover a creación de emprego

Foi a concelleira María Xosé Bravo a encargada de explicar o voto en contra do BNG á aprobación definitiva do segundo modificativo de crédito deste ano, en que se contempla un suplemento de medio millón de euros para incrementar por segunda vez a partida de festas (no primeiro dos modificativos restáraselle á dinamización do comercio 120.000 euros para llos transferir a festas) e para sumarlle 262.000 euros a tres días dunha regata que lle custou á cidadanía 500.000 euros.

“Son as festas e unha regata a prioridade do Sr. Negreira?”, preguntou Bravo, quen sinalou que “era máis necesario dotar deses 762.000 euros as partidas relacionadas coa creación de emprego, mais, para vostede, o importante é o circo e non o pan”. Precisamente, o BNG presentara unhas reclamacións ao modificativo para anular as partidas de 500.000 euros para festas e 262.000 euros para a Tall Ships Race para sumarllas á promoción do emprego, propostas que foron rexeitadas polo BNG.

“Deixounos o seu goberno amigo na estacada co mercado de San Agustón, ou é que nunca se comprometera a Xunta con esas obras?”

Tamén aludiu a concelleira nacionalista na súa intervención á “pésima xestión” do Goberno local. “Descobren en agosto que precisan 200.000 euros para destinalos ás obras do mercado de San Agustín, e resulta que, segundo vostedes, esas obras ían ser financiadas pola Xunta de Galiza”, expuxo. “Deixounos o seu goberno amigo na estacada?”, “Ou en realidade nunca se comprometeran?”, preguntou.

Ademais, Bravo criticou que “o Sr. Negreira nos venda que vai aumentar en emerxencia social 130.000 euros cando unha parte moi importante deses cartos é substraída do programa de erradicación do chabolismo e mais do plan de persoas con discapacidade”.

A concelleira do BNG finalizou a súa intervención co drama do desemprego. “Con 22.577 persoas no desemprego, con recortes aos empregados e empregadas públicas, coa ameaza do feche en comercios, empresas e hostalaría, con ERE caendo na nosa comarca... a súa prioridade son as festas e unha regata”, criticou.

O BNG vota en contra da política económica do PP, que leva a cidade á deriva, con máis par