JORQUERA, AO PP: "NON CONFIAMOS NA ALCALDESA, PERO TAMPOUCO EN VOSTEDES, SEÑOR LORENZO"
O BNG vota en contra na cuestión de confianza e lémbralle a Inés Rey que foi investida alcaldesa grazas a un pacto que debe cumprir

O Pleno non concedeu a súa confianza á alcaldesa ao votar en contra o BNG e o PP e só a favor o PSOE.
O portavoz da formación nacionalista en María Pita, Francisco Jorquera, explicou que o Bloque non podía votar a favor porque ten perdido a confianza na alcaldesa.
Esa perda de confianza -produto do incumprimento reiterado de relevantes aspectos dos acordos de investidura e dos orzamentos 2024- foi precisamente a que levou o BNG a anunciar en novembro pasado que non iría negociar os orzamentos para 2025.
Ao mesmo tempo que avanzou o voto contrario á confianza na alcaldesa, Jorquera remarcou que o Bloque en ningún caso subscribiría unha moción de censura impulsada polo PP. “Non confiamos nestes momentos no goberno de Inés Rey, pero tampouco en vostedes, señor Lorenzo”, enfatizou.
A razón? Pois que o proxecto de cidade do BNG é antitético ao do PP, esclareceu Jorquera.

Na súa intervención inicial, o voceiro nacionalista argumentou que nas eleccións locais de 2023 as coruñesas e os coruñeses outorgáronlle ao BNG un papel clave na nova Corporación. “Estamos na oposición, pero as coruñesas e os coruñeses quixeron que tivésemos un rol decisivo na conformación das maiorías”, remarcou.
É por iso que, co horizonte de asegurar a gobernabilidade do Concello, o BNG tivo desde o principio do mandato “disposición a chegar a acordos”, coa única condición de estes seren positivos para a cidade e para as súas maiorías sociais.
Desa disposición nacen o Acordo de Investidura -en función do cal Inés Rey é alcaldesa- e o acordo que, previa negociación, deu lugar aos orzamentos de 2024.
Cal é o problema? Que os incumprimentos de elementos chave deses acordos por parte do Goberno Local alcanzou tal envergadura que a confianza do BNG no gabinete de Inés Rey se viu totalmente erosionada.
As mesmas coruñesas e coruñeses que queren un BNG disposto a acordar, queren tamén “que os acordos non se convertan en papel mollado”, queren “que sexamos firmes e esixentes para que os acordos se cumpran”. “E iso é o que agora estamos facendo”, subliñou.
Un mecanismo excepcional
Para aprobar estes orzamentos, após seren rexeitados no trámite da aprobación inicial, o gabinete de Inés Rey recorreu a se someter a unha cuestión de confianza, mais este é un mecanismo, salientou Jorquera, absolutamente “excepcional”. “Só se pode presentar vencellada a uns poucos asuntos, taxados pola lei, e en ningún caso se pode formular no último ano de mandato”, referiu.
Por tanto, ante as restricións que impón un recurso tan excepcional, que actitude vai adoptar o Goberno Local nos dous anos e medio que temos por diante de mandato?, cuestionou Jorquera ao Executivo coruñés.
“Que vai facer? Vai continuar a gobernar como se tivese maioría absoluta e expoñerse a continuas derrotas ao carecer da nosa confianza? Ou vai tomar nota, rectificar, asumir que está en minoría, ter disposición ao diálogo e, por suposto, cumprir o acordado?”, inquiriu o portavoz nacionalista ás bancadas do PSOE.
Un dos máis poderosos motivos polos que Inés Rey perdeu a confianza do BNG é porque “goberna como se non fose consciente de que non só non ten maioría, senón de que nin tan sequera a súa lista foi a máis votada nas eleccións”, precisou.
Rectificación no xeito de gobernar
“Vostede”, dixo aludindo directamente á alcaldesa, “resultou electa froito dun pacto. Por tanto, o mínimo esixíbel é o cumprimento do pactado”. “Por iso, pedímoslle unha rectificación, non só á hora de cumprir o pactado, senón no xeito de gobernar”, engadiu.
O apelo ao diálogo non pode ser un simples eslogan, haino que encher de contido. E, para ilustrar esta afirmación, Jorquera preguntouse se é normal que os grupos da oposición coñecesen pola prensa os plans do Goberno Local para As Xubias ou a candidatura da Coruña para ser unha das múltiples sedes do mundial de fútbol.
A falta de diálogo coa oposición e extensíbel “á súa relación co tecido social”. Boa proba disto é que “este ano non houbese orzamentos participativos para elaborar as contas de 2025 ou a parálise dos consellos municipais de participación”. Esa interlocución coa veciñanza “non se consegue simplemente creando oficinas de atención cidadá en todos os distritos de aquí ás eleccións municipais”, senón que “é unha cuestión de sensibilidade, de cultura política”.

“Vostede e o seu goberno”, volveuse dirixir á alcaldesa, “teñen que corrixir certa actitude de autocompracencia e acomodación, porque a consecuencia é a parálise, a lentitude no funcionamento, a falta de impulso. Ten que estar máis a pé de obra, porque do contrario a consecuencia é a desatención ás cuestións do día a día”.
Cuestións do día a día como “os déficits evidentes na limpeza e no mantemento”, a prestación de servizos en precario -por estaren os contratos das concesións caducados- ou a desatención ás necesidades básicas dos barrios.
En contraste, o Goberno Local gábase de ser “cidade bimundialista” e incorre en “hipérboles disparatas”, “como a que resulta de comparar acoller, como moito, tres ou catro partidos do mundial masculino de fútbol con ser sede dunhas Olimpiadas. “E mentres tanto, moitas das instalacións deportivas municipais presentan un estado lamentábel”, apuntou.
Ao PP: “Non imos asinar unha moción de censura con vostedes”
No debate, Jorquera, como o resto dos portavoces, tomou a palabra en dúas intervencións distintas. Na primeira, expresou os motivos que levan o BNG a votar en contra na cuestión de confianza. Na segunda, debullou as razóns polas que o Bloque en ningún caso vai subscribir unha moción de censura co PP.
“Señor Lorenzo, con todo o agarimo, véxoos desconcertados. Vinos desconcertados no debate dos orzamentos”, comezou por dicir Jorquera, antes de engadir que “din estar en contra dos orzamentos e presentan unha emenda que, se se aceptar, tería como consecuencia a aprobación dos orzamentos”.
O desconcerto do PP conduce o partido conservador a acusar o BNG de “comparsa do goberno local”, ao mesmo tempo que “din que o BNG está a impor a axenda na cidade”. Ou unha cousa ou a outra!
O BNG non vai asinar unha moción de censura do PP porque está nas antípodas desa formación política, argumentou Jorquera, quen botou man da experiencia de goberno dos conservadores no Concello (2011-2015, con Carlos Negreira como alcalde) para ilustrar até que punto os modelos de cidade de nacionalistas e conservadores son antitéticos.
Jorquera anuncia que o Bloque non subscribiría unha moción de censura impulsada polo PP: “Temos formas moi distintas de entender a nosa cidade"
“O BNG está a favor da potenciación do transporte público. Vostedes, cando gobernaron a cidade, cargáronse o carril bus e o plan de mobilidade. O BNG está a favor dun urbanismo sostíbel, de calidade, a escala humana e que protexa o patrimonio público e a paisaxe. Vostedes aumentaron a edificabilidade nas Percebeiras e na Canteira de Durmideiras, eliminaron o bulevar da Avenida de Oza e deron o cambiazo no PEPRI para A Solana e o Hotel Finisterre pasaren de solo dotacional público a solo dotacional privado. O BNG quere fortalecer as políticas sociais. Vostedes centralizaron os servizos sociais, eliminaron as políticas de mocidade e igualdade, excluíron os nenos con diversidade funcional dos campamentos municipais e tiñan como grande preocupación multar de xeito reiterado as persoas nixerianas que vendían panos de papel nos semáforos”, referiu.
E estendeuse: “O BNG quere poñer os barrios no centro. Vostedes concentraron todo o investimento no centro, mentres desatendían os barrios e subían as taxas e os prezos públicos. O BNG está polo Estado laico. Vostedes pagaron con diñeiro público os costaleiros da Semana Santa. O BNG está a favor da Memoria Histórica. Vostedes defenderon Millán Astray como coruñés de pro. O BNG está orgulloso da nosa cultura e do noso idioma. En cambio, a que foi concelleira de Cultura durante o seu goberno en María Pita dixo que había que mudar as festas da Coruña porque eran ‘demasiado gallegas’”.
Para o BNG, en fin, a vivenda é un dereito, mentres que “para vostedes é unha oportunidade de negocio”.
En definitiva, e xa dirixíndose a Miguel Lorenzo, Jorquera concluíu: “Isto non é só ideoloxía, isto son dúas formas moi distintas de entender a nosa cidade”.
“A señora Inés Rey perdeu a nosa confianza”
E xa para pór o ramo á súa intervención nesta cuestión de confianza, Jorquera recapitulou: “A señora Inés Rey perdeu a nosa confianza. por iso vai ter o noso voto en contra. Se quere recuperala, só ten que facer dúas cousas. Cumprir e pór en práctica o que o PSOE e o BNG acordaron e mudar o xeito de gobernar”.
Mudar o xeito de gobernar, isto é, “deixar de gobernar como se tivese maioría absoluta e gobernar con transparencia, desde a humildade, o diálogo e a procura do acordo”, concluíu.