O BNG volve reclamar medidas concretas para a ría do Burgo
A Coruña, 20 de outubro de 2015. O deputado do BNG, Daniel Rodas, ven de demandar na Comisión de Medio Ambiente celebrada hoxe no Parlamento de Galiza ao Director Xeral de Augas responsabilidade por ser incapaces de determinar a causa dos vertidos por hidrocarburos, medidas contra a falta de ingresos dos mariscadores e prazos para o proxecto de rexeneración da ría do Burgo.
O BNG reclama medidas concretas para enfrontar a situación das e dos mariscadores da Ría do Burgo
Rodas sinala que nesta última campaña se teñen perdido 114 días por peches administrativos producidos por biotoxinas, 56 días perdidos por contaminación de hidrocarburos. Si a isto lle sumamos que un estudo sobre a ameixa fina determina que sofre unha da mortaldade do 20% en talla comercial e a falta de actividade por mal tempo podemos comprobar como os mariscadores están a sufrir unha situación imposible de soster.
O portavoz de pesca Daniel Rodas reclama na Comisión de Medio Ambiente medidas contra a situación de expulsión da actividade pola que están pasando as mariscadoras e mariscadores da Ría do Burgo e prazos para o proxecto de dragaxe
Non hai máis que comprobar os datos na Plataforma de Pesca da Galiza para ver que no que vai de ano extraéronse 24.783 quilos de moluscos, cuns ingresos de 226.095 euros. Repartidos entre os 104 mariscadores en activo danos unha boa medida da realidade a que se ten que enfrontar este colectivo. Así non é éstrano que algún destes traballadores estean sufrindo procesos de embargo ou que non sexan quen de pagar os 190 euros correspondente ao seguro do mar.
O Director Xeral afirmou que estaban traballando para mellorar a situación e negou o vertido de hidrocarburos aducindo que era unha contaminación difusa (...). Fai catro ou cinco anos era unha ría pechada e agora é unha ría aberta.
Rodas sinalou que como exercicio de burocracia valía pero a realidade é que a xente ten que comer e sofre unha situación de expulsión da actividade por non tomar medidas para salvar a parte máis débil, os traballadores do mar. Lembroulle que nos anos 80 había 2.100 mariscadoras e mariscadores, no 2004, 140 e agora 64 co que se pecha a posibilidade de emprego na ría. E lembroulle os reiterados compromisos de dragaxe por parte do Ministerio dende o ano 2008 que volven en período electoral.
O BNG demanda, que ao igual que se habilitaron máis de 10,5 millóns de euros para as perdas que tiveron os mexilloeiros por mal tempo e peches administrativos é de xustiza que se habiliten medidas para que o colectivo de mariscadores e mariscadoras, moito máis sensible, poida enfrontar a falta de inactividade por mal tempo, os peches por biotoxinas, a contaminación por hidrocarburos, traballos de rexeneración etc. As nacionalistas reclamamos medidas concretas e non burocracia sentenciaba Rodas.