O BNG demanda garantir os postos de traballo na nova concesionaria da ORA
A Coruña, 19 de outubro de 2015.- O Grupo Municipal do BNG insta o Goberno Municipal a que actúe para garantir a continuidade de todas e todos os traballadores da ORA logo da adxudicación á nova concesionaria. As nacionalistas lémbranlle ao Goberno da Marea Atlántica que xa advertiran que garantir os postos de traballo do cadro de persoal debía de estar por riba de calquera circunstancia e que, non ter municipalizado o servizo, deu como resultado está primeira consecuencia.
O Grupo Municipal do BNG demanda que o Goberno municipal actúe para garantir os postos de traballo na nova concesionaria da ORA
O BNG indicou desde o primeiro momento que a cuestión clave de todo este proceso era o mantemento dos postos de traballo do persoal. A subrogación a continuidade dos traballadoras/es cando cambia a firma concesionaria sempre debe facerse, tal e como sinala a abundante xurisprudencia ao respecto. Así o recollen, ademais, os convenios laborais. É por isto que o Bloque demanda que o Goberno municipal tome as medidas oportunas para esixirlle á empresa que incorpore aos traballadores non subrogados á maior brevidade posíbel.
A non subrogación de 10 traballadoras e traballadores é a primeira consecuencia de non ter municipalizado o servizo
O Bloque lembra que a renuncia á promesa electoral da municipalización da ORA é unha oportunidade perdida no proceso de reincorporación de servizos municipais. Sinalan as nacionalistas, ademais, que todo este proceso, coas indecisións sobre a concesión final á empresa Setex Aparki durante estes últimos meses só serviron para engadir máis incerteza ao futuro laboral do cadro de persoal, dando finalmente como resultado a situación deste pasado sábado, e á non incorporación destes dez traballadores por decisión unilateral da empresa concesionada.