O BNG ve patético que o Goberno local non actúe contra os promotores de Someso
A Coruña, 7 de setembro de 2013.- O Grupo municipal do BNG sinala que resulta patético que o Goberno do sr. Negreira non proceda contra os promotores que se beneficiaron das irregularidades de Someso, apropiándose privativamente de bens patrimoniais do Concello, a pesar de que estes demandan xudicialmente ao Concello. Así mentres estes grandes promotores denuncian o Concello, sinalan as nacionalistas, o Goberno local láiase mais non actuá contra eles para que devolvan o que non lles corresponde, tal é como hai tempo lle ven demandando o BNG ao Sr. Negreira.
As nacionalistas salientan que o Goberno local non só non está procedendo ningún tipo de actuación ante os tribunais para que devolvan o que non lles corresponde, senón que ademais se nega a revisar de oficio, por ser nulos de pleno dereito, os actos e os acordos administrativos en relación con Someso dos cales se beneficiarion os promotores (o acordo da Xunta de Goberno Local de 29.10.2004, de autorización á Xunta de Compensacióndo S-7 Recinto Feiral para materializar en metálico o aproveitamento municipal de cesión obrigatoria, así como o correspondente ao Concello como propietario de parcelas no ámbito; o acordo da XGL de 20.09.2005, de aprobación definitiva do Proxecto de Compensacióndo S-7 Someso, e o acordo da XGL de 03.02.2006, de subsanación de erros do Proxecto de Compensación do S-7 de Someso).