O BNG lembra a afección da refinaría sobre o Polígono de Vío que quixo agachar o Goberno local
A Coruña, 7 de setembro de 2013.- O Grupo municipal do BNG denuncia que resulta sorprendente que no anuncio do protocolo de colaboración asinado o pasado xoves polo Concello, Autoridade Portuaria e Promotora Urbana de Vío, non se mencionase o cambio de uso urbanístico do polígono como consecuencia das afeccións da refinaría. E resulta sorprendente, sinalan as nacionalistas, que unha administración pública como o Concello da Coruña teña que asumir o custo dun 30 por cento da obra cando previamente houbo un forte investimento de distintas administracións públicas para empregar o polígono de Morás como espazo industrial e loxístico de apoio ao Porto exterior.
Ditame técnico de afeccións da refinaría
O grupo nacionalista chama a atención en reparar no feito do silencio clamoroso que tanto Autoridade Portuaria como Concello da Coruña mantiveron respeto do cambio de usos do polígono de Vío. Resulta sorprendente que se publicite tal protocolo de conversión do polígono en plataforma loxística de apoio ao porto exterior omitindo o cambio de uso urbanístico do polígono, motivado pola afección de usos da refinaría, xa que no sector SURT-3 Vío non pode permitirse o uso comercial segundo o Ditame Técnico da Refinería (documento do PXOM), pois o ámbito está atinxido polo zona BLEVE de Repsol Butano e as súas zonas de alerta.
Que vai pasar co Polígono de Morás?
O Grupo municipal do BNG sinala que non só é criticábel que o Goberno local da Coruña asuma 9,6 millóns de euros dos 32.092.000 millóns que custa esta actividade urbanística, pois é algo que lle debe corresponder aos promotores de Vío, senón que non se diga nada sobre que é o que vai acontecer co Polígono de Moras. Non hai que esquecer, salientan as nacionalistas, os enormes investimentos públicos, 80 millóns de euros, realizados no Polígono de Morás entre cuxos obxectivos estaba dar resposta ás necesidades de amplas áreas de solo nas inmediacións do Porto Exterior de Langosteira para o desenvolvemento de actividades industriais e loxísticas.
Mentres que a día de hoxe, o Polígono de Morás, de iniciativa pública, semella estar totalmente esquecido dada a súa situación actual (totalmente baleiro), o PP, nunha nova demostración de descapitalización dos investimentos públicos, decide apostar por un polígono de particulares asumindo un custo que lle corresponde aos promotores do lugar e non aos poderes públicos.