O BNG é a única forza política con propostas en positivo nos plenos
A Coruña, 15 de setembro de 2015.- Após da celebración do pleno deste pasado luns, o Grupo Municipal do BNG demostrou que é a única forza política que se toma con seriedade os problemas da veciñanza da cidade da Coruña.
O BNG demostrou que é a única forza política que traballa con seriedade e rigor para resolver os problemas da veciñanza da cidade
Así, todas as propostas que presentaron as nacionalistas foron aprobadas polo pleno. Incluso dúas destas por unanimidade. Deste xeito, as mocións que facían referencia á rexeneración e saneamento da Ría do Burgo e a que solicitaba o apoio para pedirlle á Xunta os orzamentos necesarios para o establecemento dos servizos de atención sanitaria no mercado de Santa Lucía obtiveron o voto favorábel de todos os grupos políticos, e ambas incluso incorporando melloras a través de sendas emendas que enriqueceron as propostas presentadas. Asemade, a terceira moción que presentou o BNG e que era a mesma que a pasada semana presentou por rexistro a organización sindical CIG, e que demandaba o apoio da Corporación Municipal á ILP de medidas para garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética tamén foi aprobada polo pleno.
Todas as mocións presentadas polo Grupo Municipal do BNG foron aprobadas, incluído o voto particular ao modificativo de credito, amosando que o traballo do BNG se realiza con criterio e continuidade
Neste sentido, o Grupo Municipal do BNG tamén apoiou á moción que presentou o PSOE en defensa das factorías de ALCOA da Coruña e de San Cibrao por ir en consonancia da solicitude da tarifa galega, tal e como recordou a propia concelleira Avia Veira na súa intervención.
O BNG cualifica como esperpéntico o espectáculo dado polo PSOE ao votar en contra do modificativo pola partida económica de 30.000 recuperada polo BNG en igualdade, cando se abstiveron hai un mes estando recollida na primeira proposta do modificativo
Mais o punto principal do día foi a iniciativa do BNG que mediante un voto particular reclamaba recuperar 30.000 para a área de Igualdade e que se perdera na proposta de modificativo de crédito que se levaba a pleno. O voto particular foi aprobado, polo que o Grupo Municipal do BNG entende que todos os demais grupos político consideraban que esa partida debía ser recuperada e que debía ser volta a incluír na proposta final que se levaba a votación. É por iso que o BNG considera que todo o que aconteceu a partir de ese momento é esperpéntico e ridículo. Como é posíbel que recuperar unha partida de 30.000 en igualdade, que ía na primeira proposta de modificativo, e á cal se abstivo o PSOE, dea lugar agora a que voten en contra? Como é posíbel que un voto particular do BNG, que reivindica máis fondos para a loita contra a violencia machista ao que ninguén amosou a súa discrepancia, tumbe un pacto que ascende a máis de catro millóns de euros? pregúntanse as nacionalistas. A única resposta que atopa o BNG é hipocrisía do grupo socialista respecto ás políticas de igualdade que seguen sen entender que ás situacións de emerxencia que está a provocar a crise económica e que teñen que ser atalladas a través tanto de actuacións específicas dirixidas ás mulleres como da incorporación da perspectiva de xénero en actuacións de carácter xeral. E máis se cabe ao demostrase onte no Pleno que foi o propio PSOE o que no proceso da negociación coa Marea solicitou que foran reducidas á metade as partidas en igualdade. Incluso as leccións de historia que se pretenderon dar desde os bancos socialistas quedaron ridículas atendendo á súa actitude soberbia e que rozou a chantaxe política e institucional.
As nacionalistas pregúntanse como é posíbel que despois de aberto un prazo de negociación e despois de ter pactado o Goberno da Marea e o PSOE o modificativo de crédito, a nova proposta obteña máis votos en contra que a levada ao pleno en agosto
Por último, o BNG lembra que tamén no pleno se debateron as tres preguntas orais presentadas, e polas cales soubemos que o Goberno Municipal vai manter o gasto de 605.000 , a través da Fundación EMALCSA, para a fase final da Copa do Rei de baloncesto, que a concellaría de Participación aínda non ten definidos os mecanismos que habilitará para facer dos orzamentos de 2016 un orzamentos participativos, limitándose a contestar que estamos traballando niso, e o concelleiro de mercados, Alberto Lema, non contestou que mecanismo está a articular para lle esixir á concesionaria do mercado de Santa Lucía o cumprimento do acordo ao que este chegou hai xa máis dun mes e cuxo incumprimento a día de hoxe dá lugar a que os e as praceiras sigan a ter que abrir eles o mercado e a limpalo, asemade de non saber cando comezarán as obras de rehabilitación do mesmo, e que a concesionaria está obrigada a facer antes do 23 de xaneiro de 2016, data na cal o mercado debe ser restituído a responsabilidade municipal.