O BNG apoiará a moción da ILP impulsada pola CIG contra a pobreza enerxética
A Coruña, 10 de setembro de 2015.- O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego rexistrou esta mañá a moción de apoio á Iniciativa Lexislativa Popular sobre medidas para garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética implusada pola CIG.
O BNG apoiará a moción da ILP impulsada pola CIG sobre medidas para garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética
As nacionalistas salientan que apoian esta moción porque a ILP propón medidas de política enerxética dirixidas a garantir o desenvolvemento económico e industrial de Galiza e precisamente nun momento en que o emprego de traballadoras e de traballadores de distintas factorías da Coruña pende dun fío debido ao sistema de subasta eléctrica implantado en novembro de 2013.
Así, o texto da ILP refírese a que a través dos mecanismos gobernativos precisos se garanta que un territorio como o galego, que conta cunha grande capacidade de transformación de enerxía primaria en enerxía apta para o consumo, dispoña dun prezo da electricidade que constitúa unha vantaxe competitiva para as empresas que nel están localizadas. Parece lóxico demandar que os custos de transporte e distribución desde as instalacións de produción localizadas en territorio galego até os centros de consumo industrial en Galiza sexan inferiores aos que se recollen na actual estrutura de peaxes e cargas que está vixente para todo o Estado, salientan as nacionalistas.
O Grupo Municipal do BNG rexistrou esta mañá a moción de apoio á iniciativa lexislativa popular impulsada pola CIG porque propón medidas de política enerxética dirixidas a garantir o desenvolvemento económico e industrial de Galiza e a loitar contra a pobreza enerxética
Asemade, para o Bloque da Coruña, é fundamental o capítulo II da iniciativa lexislativa posta en marcha pola CIG porque recolle unha concepción da enerxía como un dereito universal de todas as persoas especialmente cando moitas persoas e familias non poden pagar as facturas do subministro enerxético, eléctrico e de gas, especialmente durante os meses de inverno nos cales, polas condicións climatolóxicas, o seu consumo é imprescindíbel.
Para atallar esta situación, no articulado da lei que propón o sindicato nacionalista concrétase a definición da pobreza enerxética e propóñense varias medidas para a defensa das persoas consumidoras en situación de pobreza enerxética, ao ser un problema de cada vez maior importancia na sociedade galega. Neste sentido, O BNG manifesta a súa concordancia con que nas medidas se faga fincapé no imprescindíbel papel que a Xunta de Galiza ha de asumir para afrontar unha problemática que, segundo datos recentes en Galiza, afecta a preto de 187.000 persoas, teñen dificultades para aboaren as súas facturas enerxéticas (gas, auga, electricidade, calefacción, etc.), situación que resulta intolerábel nunha sociedade socialmente avanzada.