O BNG solicita consultar o estudo sobre o comercio na Agra do Orzán
A Coruña, 11 de setembro de 2013.- O Grupo municipal do BNG dada a contestación recibida a unha serie de preguntas escritas sobre a situación do pequeno comercio na Agra do Orzán e logo da presentación dunha serie de programas por parte da concelleira de emprego e empresa, María Luisa Cid, entre os que se encontra un para dar uso aos locais baleiros e outro para frear e evitar o peche de negocios, solicitará o estudo sobre o comercio no barrio da Agra que explica, segundo a concelleira, a realización destas iniciativas. Ao entender do BNG estas accións non veñen senón a confirmar a situación dura que atravesa o comercio desta zona, que xunto ás pequenas tendas, hostalaría e mais os talleres de mecánica, de electricidade e as carpintarías... teñen un papel fundamental no desenvolvemento deste barrio, a nivel de actividade económica, de creación de emprego, de servizo á veciñanza e de vida.
Así, o Goberno local contesta o pasado 5 de setembro que é coñecedor dos locais comerciais existentes na Agra e das condicións en que se encontran todos eles grazas a que se ten realizado un estudo exhaustivo que contempla a situación real e que nos permite manifestar categoricamente que os datos que se manifestan na súa pregunta escrita son falsos.
En xuño, o Grupo municipal do BNG presentaba unha serie de preguntas tras un reconto de baixos comerciais pechados (achégase o reconto) que fixera o Grupo de barrio do BNG da Agra e na que se contabilizaban máis de seiscentos, e que contrastaba con outro realizado polas mesmas rúas, en xuño de 2011, no que había cincocentos oito. O BNG expuña en tales preguntas eses datos e solicitáballe accións ao Goberno local para contrarrestar que a Agra mantivese a súa actividade económica e non se fose, pouco a pouco, desertizando.