O BNG comeza a campaña "Por unha Patria soberana"
A Coruña, 10 de setembro de 2013.- O vindeiro domingo día 15 o BNG levará a cabo unha grande manifestación que sairá da Alameda de Compostela ás 12 horas baixo o lema Por unha Patria soberana!.Co gallo desta mobilización o BNG desenvolverá en toda a cidade da Coruña e comarca distintas actividades como reparto, coladas, colocación de pancartas, actos públicos... para facer un chamamento amplo e aberto á participación activa de todos os sectores sociais agredidos polas políticas da UE e do PP. Así, Paulo Carballada, responsábel comarcal sinalou que fronte á corrupción, á destrución de emprego, ao recorte de dereitos e ao empobrecemento social imposto desde poderes políticos e económicos absolutamente deslexitimados, é preciso respondermos na rúa, con contundencia, colectivamente. É preciso rebelarse, por necesidade e por dignidade. E cómpre facelo reclamando abertamente a soberanía, porque a nosa capacidade de decisión é a chave da saída desta crise, porque precisamos de soberanía para desenvolver o país, conquistar a xustiza social e construír a democracia.
Carballada salientou que o noso país está a bordo do precipicio, pois estamos a ver como se venden as súas principais empresas a capital estranxeiro, como queda sen entidades financeiras propias, como avanza o desmantelamento industrial, como se impide, condiciona ou limita -desde Madrid e desde Bruxelas- a capacidade de xerar riqueza, de crear emprego, como se acaba cos seus sectores produtivos, como a mocidade ten que marchar fóra buscar futuro, como se despoboa o territorio e avanza o avellentamento demográfico, .... Todo isto son consecuencias directas da nosa falta de poder político para nos defender, para nos facer valer, para mirar polo noso. Velaquí as consecuencias directas da nosa falta de soberanía., afirmou o nacionalista.
E a seguir subliñou que a crise hai que combatela desde a soberanía, e para o BNG é unha prioridade, lembrando o 23% de paro, o 50 % de paro xuvenil, os recorte de servizos e dereitos, as estafas bancarias, os desafiuzamentos, o medre das desigualdades e da exclusión social...e sinalando que dar a volta á crise exixe dicir non ás políticas europeas e estatais que nos limitan e empobrecen e gañar, fronte a elas, capacidade política real para decidir; dar a volta á crise exixe tomar o control dos nosos recursos e poñelos ao servizo do desenvolvemento do país. Precisamos, para saír adiante, poder decidir sobre o noso: sobre a economía, sobre o noso aforro, sobre o territorio, sobre os nosos impostos.
Por último, Carballada lembrou que os problemas de Galiza non comezan coa crítica situalción actual, senón que a crise ven a agudizalos, e a pór aínda máis en evidencia a raíz profunda do problema. Os problemas que condicionan o desenvolvemento da sociedade galega son problemas enraizados na nosa dependencia económica e na nosa subordinación política, e non terán solución real até rompermos esa dependencia e esa subordinación.
E conclui sinalando que nada máis transformador para Galiza, pois, que reclamar a soberanía. Nada máis de esquerdas que defender os intereses do pobo galego, das maiorías sociais, fronte a quen os traizoa en beneficio das oligarquías financeiras e dos lobby económicos, seguindo as directrices de Bruxelas e de Madrid. Nada máis de esquerdas que tomar o control dos propios recursos para os pór ao servizo do desenvolvemento económico e da xustiza social.